Un itinerario para cada perfil

Desde 2007, 34 persoas investigadoras beneficiarias de axudas do European Research Council – ERC desenvolven en Galicia os seus proxectos, que ascenden a un total de 42.

En 2014, a Xunta de Galicia puxo en marcha o Programa Oportunius para potenciar as oportunidades do persoal investigador excelente no marco do programa do ERC, tanto as das que teñan conseguida a axuda como as das que teñan opción de acadala.

Para logralo, puxéronse a disposición do persoal investigador tres itinerarios que se corresponden cos diferentes perfís de persoa beneficiaria ou potencial beneficiaria das convocatorias do Programa do ERC, co obxectivo de impulsar as súas capacidades e opcións de éxito.

  • Gañadores ERC. Paquete de axudas complementarias ao financiamento europeo, a través dun contrato de persoal investigador distinguido e de recursos económicos para apoiar a súa actividade investigadora.
  • Finalistas ERC. Apoio económico e servizos de formación, asesoramento e revisión de propostas para aumentar as garantías de éxito nas seguintes convocatorias do ERC.
  • Candidatos ERC. Formación e asesoramento experto ao persoal investigador cun alto potencial e unha carreira investigadora prometedora para que participen nas convocatorias do ERC.