Gañadores ERC

O Programa Oportunius pon a disposición do persoal investigador beneficiario dunha axuda ERC un paquete de incentivos para optimizar o desenvolvemento do seu proxecto científico e da súa carreira investigadora.

Estes beneficios complementarios aos outorgados polo ERC son froito dun esforzo conxunto da Xunta de Galicia, das tres universidades galegas e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia. Son accesibles para persoal investigador de calquera nacionalidade, coa única condición de que desenvolvan os seus proxectos nalgunha das institucións de acollida de Galicia.

Beneficios contemplados

  1. Opción a un contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación. Esta modalidade garante un marco laboral estable con avaliación cada cinco anos, con retribucións atractivas (mellorables segundo o resultado de cada avaliación). Mediante un convenio posterior entre a Axencia Galega de Innovación e a institución de acollida, a persoa investigadora adscríbese ao centro, agrupación ou grupo correspondente. Referencia normativa:
    • Lei 17/2022, do 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación.
    • Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.
    • Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido.
    Condicións económicas:
    • Advanced Grant: 100.000 €/ano.
    • Consolidator Grant: 81.000 €/ano.
    • Starting Grant: 65.000 €/ano.
  2. Axudas PRO-ERC: independentemente de se a persoa investigadora está contratada pola Axencia Galega de Innovación, por calquera das universidades galegas ou polo CSIC, terá acceso a recursos económicos complementarios ao financiamento ERC durante a vixencia do proxecto. Este financiamento, destinado ao apoio á súa actividade investigadora, está a cargo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Axencia Galega de Innovación e contempla unha contía asociada ao tipo de axuda ERC obtida:
    • Advanced Grant: 80.000 €/ano.
    • Consolidator Grant: 65.000 €/ano.
    • Starting Grant: 50.000 €/ano.
  3. Axudas POST-ERC: tamén con independencia da entidade pola que estea contratado (Axencia Galega de Innovación, universidade ou CSIC), o persoal investigador conta con apoio económico de continuidade tralo fin da vixencia da axuda ERC. Trátase de reforzo a proyectos de excelencia de ata 50.000 € anuais durante 4 anos proporcionadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e pola Axencia Galega de Innovación.
    No caso concreto de persoal investigador contratado polo SUG ou polo CSIC, a Axencia Galega de Innovación ofrece a retribución do Programa Oportunius, cunha contía variable en función do tipo de axuda ERC:
    • Advanced Grant: 8.000 €/ano.
    • Consolidator Grant: 6.500 €/ano.
    • Starting Grant: 5.000 €/ano.
  4. A percepción desta retribución, de carácter renovable, está suxeita á inscrición do persoal investigador beneficiario no Rexistro Oportunius. Este rexistro é unha ferramenta deseñada para funcionar como un repositorio no que se integrarán todas as persoas investigadoras beneficiarias dunha axuda ERC en Galicia.
  5. En todos os casos, as persoas beneficiarias contratadas ou adscritas ás institucións de acollida contarán cos servizos de apoio á ciencia excelente e de acollida de novo persoal investigador ofertados de forma individual por cada unha destas institucións. Ademais do pleno acceso aos seus servizos e infraestruturas de investigación, as institucións ofrecen:
    • accións de benvida científica e familiar,
    • medidas de incorporación e estabilización laboral,
    • apoio técnico específico e soporte económico adicional para o desenvolvemento da carreira investigadora.

Criterios de avaliación do contrato de persoal investigador distinguido

Os criterios estipulados para a continuidade contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación están plenamente aliñados cos establecidos polo propio programa ERC para a avaliación das súas grants:

  • Excelencia investigadora.
  • Cantidade e calidade de produción científica.
  • Capacidade para a captación de fondos.
  • Participación en congresos/conferencias/seminarios de prestixio.
  • Evolución e crecemento do equipo de investigación.

O marco normativo destes criterios de avaliación é a Orde de 29 de agosto de 2018 pola que se desenvolven o procedimento e o baremo para a avaliación da actividade investigadora de persoal investigador contratado pola Axencia Galega de Innovación baixo a modalidade de persoal investigador distinguido [Programa Oportunius].