Rede galega de Aceleradoras

Rede galega de aceleradoras de apoio ao emprendemento innovador

A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 prevé, entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o programa de Aceleración da Innovación.

Desde a Axencia Galega de Innovación (GAIN), definiuse unha estratexia para o emprendemento innovador, centrada na creación da Rede Galega de Aceleradoras de Innovación que permita dotar a Galicia dun completo mapa de aceleradoras especializadas naquelas temáticas e sectores clave para o crecemento económico da nosa comunidade.

Por iso, GAIN vén colaborando, desde o ano 2014, con diferentes programas de aceleración impulsados por entidades públicas e privadas, poñendo a disposición dos emprendedores galegos de carácter innovador, un completo ecosistema de apoio á aceleración e consolidación das iniciativas empresariais innovadoras.

Dentro da estratexia de aceleración da innovación impulsada pola Xunta de Galicia, nace a plataforma Start in Galicia onde se enmarca a Rede Galega de Aceleradoras de Innovación.

Start in Galicia ofrece un espazo único para que calquera proxecto de emprendemento innovador ou startup galega, nacional ou estranxeira coñeza todas as posibilidades de apoio que lle ofrece a Xunta de Galicia: programas de incubación/aceleración, programas de axudas, mecanismos de financiamento… Exercer de foco de atracción para investidores e business angels.

Dentro deste ecosistema de apoio e consolidación, cabe salientar que dependendo da tipoloxía de proxecto, o seu ámbito e a súa fase de desenvolvemento, as iniciativas emprendedoras teñen a súa disposición distintos programas.