Metodoloxías para mellorar os procesos de transferencia

Metodoloxía para a avaliación preliminar dos resultados da I+D xerados polos axentes do Sistema Galego de Innovación

Este manual describe un procedemento para revisar unha serie de características do coñecemento científico-tecnolóxico ao saír do laboratorio. O obxectivo é determinar de maneira preliminar o seu potencial comercial, así como os seguintes pasos a seguir con vistas á súa valorización e explotación.

O procedemento, que foi probado con casos reais nos centros tecnolóxicos e universidades do SUG, está deseñado para ser facilmente aplicable polas unidades de transferencia, o que lles permite:

  • Despexar incertezas sobre as posibilidades de transferencia dunha tecnoloxía sen necesidade de recorrer a custosos procesos de avaliación.
  • Priorizar a asignación de recursos a procesos de valorización.
  • Seleccionar rapidamente tecnoloxías que reúnan as condicións máis axeitadas para optar a servizos de apoio ou incentivos para a recuperación (aceleradores de transferencia, programas de proba de concepto, programas de servizos de recuperación, etc.).
  • Xerar unha carteira de tecnoloxías clasificadas segundo o seu potencial comercial.

O manual acompáñase dun aplicativo que proporciona un soporte adicional ao procedemento descrito no manual cunha dobre utilidade:

  • Facilitar o rexistro das avaliacións realizadas, unha vez completado o proceso de caracterización comercial.
  • Proporcionar a información de conxunto sobre o potencial comercial da carteira de resultados da I+D+i.

Documentación e enlaces

Para a realización de consultas sobre a súa aplicación programacion.centros.gain@xunta.gal




Metodoloxía de avaliación preliminar de resultados de I+D en materiais no Sistema Galego de Innovación

Este manual é unha ferramenta que proporcionará ao persoal investigador e responsables da valorización de materiais en fase de investigación unha metodoloxía clara e sistemática para avaliar a viabilidade dos desenvolvementos e o seu potencial para chegar ao mercado. Ao adoptar un enfoque estruturado e baseado en criterios obxectivos, búscase mellorar a toma de decisións e maximizar as oportunidades de éxito no proceso de transferencia de tecnoloxía, promovendo así a innovación en materiais e o seu impacto na sociedade e a economía. Baseado na “Metodoloxía de avaliación preliminar de resultados de I+D”, este manual nace como resultado da acción piloto para a avaliación de potencial comercial de materiais innovadores, que se desenvolveu en colaboración coa Materioteca de Galicia.




Metodoloxía para a avaliación do potencial comercial das tecnoloxías protexidas mediante patente

Este manual é unha ferramenta clave para medir o potencial comercial dunha tecnoloxía patentada e definir a súa capacidade para xerar beneficios económicos ou competitivos a través da concesión de licenzas ou a venda. Esta metodoloxía da continuidade ao modelo de avaliación preliminar ( prescreening ) destinado á preselección de tecnoloxías presentado en 2020 tamén no marco do Programa Ignicia.

A avaliación dunha tecnoloxía patentada ten múltiples propósitos:

  • Permite clasificar e xestionar as tecnoloxías patentadas dentro do banco de patentes (carteira de patentes), identificando aquelas con maior potencial e asignando recursos adecuados para o seu desenvolvemento e explotación.
  • Permite seleccionar axilmente tecnoloxías patentadas que reúnen as condicións máis adecuadas para optar a beneficiarse de servizos de apoio ou incentivos á comercialización proactiva (procura de posible licenciatario, márketing tecnolóxico, outros programas de servizos de valorización etc.).
  • Permite avaliar o potencial dunha tecnoloxía patentada para definir unha estratexia, identificar oportunidades e establecer prioridades en termos de investimento e desenvolvemento.
  • Axuda a avaliar o nivel de interese existente na adquisición ou utilización da tecnoloxía patentada por parte de terceiros, tales como licenciatarios, investidores ou socios comerciais.
  • Axuda a determinar a importancia e o alcance da protección da patente, así como a avaliar a posición competitiva da tecnoloxía en relación con outras patentes existentes.

Documentación:




Curso online: “Avaliación de carteira tecnolóxica. Modelo de prescreening tecnolóxico”

O curso trata sobre o modelo de prescreening de tecnoloxías desenvolto no marco do Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, como paso para a súa posible implantación dentro dos procesos de valorización de tecnoloxías.

Esta acción formativa, de carácter gratuíta, está dirixida a persoal que desenvolva funcións de xestión de transferencia en centros de coñecemento do Sistema Galego de I+D que conten con resultados científico-tecnolóxicos para valorizar.

O programa abrangue unha formación teórica de 3 horas de duración, e catro sesións de asesorías individualizadas de 1 hora de duración cada unha sobre a aplicación a un caso concreto do modelo explicado na sesión teórica. As datas e o horario das asesorías individualizadas planificaranse con cada unha das persoas asistentes. O caso concreto (resultado científico-tecnolóxico) será aportado polo alumno/a. En decembro de 2021 impartiuse unha edición deste curso co seguinte programa.

Máis información

  • No enderezo electrónico ignicia.gain@xunta.gal
  • No teléfono 981 957 000