Conecta Peme 2018

Programa: Conecta Peme 2018. Axudas para a realización de proxectos de I+D+i en colaboración entre empresas en áreas estratéxicas para Galicia.
Data prevista de publicación DOG: 08/02/2018
Código do procedemento: IN852A
Prazo de presentación de solicitudes: 09/02/2018 a 08/03/2018

Cal é o obxecto desta axuda?

Fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.

Incrementar a I+D+i empresarial en Galicia primando na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e, en especial, a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións.

Tipo e intensidade da axuda

Tipo de convocatoria: Convocatoria en réxime de concorrencia competitiva
Tipo de axuda: Fondo perdido
Axuda: Dende un 15% ata un 80% de intensidade máxima da axuda sobre o custo subvencionable, en función do tipo de empresa e do tipo de proxecto.
Orzamento solicitude: Orzamento subvencionable mínimo de 500.000 euros e máximo de 1.500.000 euros
Orzamento total: 27.000.000 €

Quen pode solicitar estas axudas?

Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de empresas formadas como mínimo por tres empresas non vinculadas entre si e como máximo por seis, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. As empresas poderán ser pequenas, medianas ou grandes.

Novidades destacadas

Entre as novidades da convocatoria destacan o aumento na intensidade de valoración para proxectos máis próximos ao mercado, ao tempo que se incentivará a contratación de persoal, téndose en conta a creación de emprego e a súa ubicación en Galicia durante todo o proxecto.

Ademais increméntase o número mínimo de empresas no consorcio, pasando de 2 a 3. O pago da axuda realizarase de maneira individual a cada socio, sendo as datas de elexibilidade dos gastos das anualidades o 30 de setembro e a xustificación ata o 5 de outubro.

Documentación e ligazóns

Documentación para a xustificación das axudas

Máis información

  • No enderezo electrónico axudas.gain@xunta.gal
  • Nos teléfonos 881 99 91 59, 981 95 70 11, 981 95 73 03



Axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional