A Xunta difunde as vantaxes de innovar entre as pemes da comarca do Xallas a través da iniciativa Camiño da innovación

2021-11-16
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Santa Comba neste proxecto que está a percorrer toda Galicia para impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas situadas fóra dos núcleos urbanos
  • No que vai de xira, ofrecéronse un total de 75 asesoramentos, contouse coa asistencia de 200 persoas e difundíronse 16 casos de pemes innovadoras


Santa Comba (A Coruña), 16 de novembro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, apuntou hoxe en Santa Comba que “as pemes e microempresas son o motor da economía galega e, por iso, son unha prioridade para a Xunta de Galicia”, no marco da iniciativa Camiño da innovación. Neste sentido, salientou a posta en marcha, por parte do Goberno galego, do Programa de Impulso da Innovación nas Pemes no que se enmarca esta iniciativa.

Así, Argerey animou ás empresas que asistiron ao encontro con pequenas e medianas empresas innovadoras desta mañá a apostar pola innovación para ser competitivas, xa que esta determina a capacidade para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar. “A innovación está ao alcance de todas as empresas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector”, apuntou.

Camiño da Innovación realizará 18 paradas en distintos puntos da xeografía galega entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

As próximas paradas serán mañá mércores na praza do Concello da Estrada e o xoves en Ponte Caldelas no Chan da Barcia xunto á ponte. En cada parada ofrécese asesoramento personalizado a pemes e microempresas –mediante cita previa– da man de técnicos de Gain para axudarlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender a máis de 200 asesoramentos en toda a xira, colaborando con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

De primeira man

Ademais, Camiño da innovación presenta tamén a experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes locais que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

Na cita de hoxe en Santa Comba participaron Elmega –orientada a deseñar e fabricar solucións para explotacións gandeiras–, Triple Alpha Innovación –empresa tecnolóxica especializada en analítica de datos–, Caolines de Vimianzo –especializada na recuperación, investigación e comercialización de minerais industriais e á elaboración de produtos derivados destes– e Do Artesanato CAC –dedicada aos aloxamentos turísticos singulares situados en árbores–.

No que vai de xira, realizáronse 75 asesoramentos, contouse coa asistencia de 200 persoas nos encontros e 16 pemes innovadoras contaron a súa experiencia. Ademais, publicáronse 5 videorreportaxes con algúns destes casos de éxito dispoñibles na web da Axencia Galega de Innovación.

Pode consultarse máis información sobre a iniciativa Camiño da Innovación neste enlace.