RIS3 Galicia 2021 – 2027: revisión dos ámbitos de priorización da estratexia
9 de Abril
Título: Curso presencial “Transferencia de tecnoloxía: valoración e negociación”
Data: mércores 25 e xoves 26 de xuño de 2025
Horario: de 09:30 a 14:30 h e de 15:15 a 18:30 h
Lugar de celebración: Axencia Galega de Innovación, Aula A04. Rúa Airas Nunes s/n (15702 Santiago de Compostela)
Idioma de impartición: inglés
Data límite de inscrición: 11 de xuño de 2025 ás 14:00 h
A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia organiza o curso presencial de carácter gratuíto “Transferencia de tecnoloxía: valoración e negociación” no marco do Programa formativo con acreditación RTTP para persoal de xestión de transferencia.
Esta formación outorga 15 puntos para a certificación Registered Technology Transfer Professionals (RTTP) emitida pola Alliance of Technology Transfer Professionals (ATTP) (é o estándar internacional para acreditar a competencia e a experiencia daqueles profesionais que desenvolven a súa carreira no ámbito da transferencia de coñecemento e tecnoloxía). Para facilitar a súa obtención por parte do persoal de xestión de transferencia do Sistema Galego de Innovación, o Programa Ignicia organiza accións formativas e proporciona mentorización para a preparación do dossier acreditativo esixido pola entidade acreditadora.
O Programa formativo con acreditación RTTP para persoal de xestión de transferencia forma parte das iniciativas do Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que integra diversas actuacións de fortalecemento das capacidades do Sistema Galego de Innovación para mellorar a abordaxe de procesos de identificación, valorización e comercialización dos resultados da I+D.
O curso está deseñado para que o persoal profesional da transferencia de tecnoloxía desenvolva habilidades de valoración da propiedade intelectual utilizando métodos estándar na industria. Aborda os principais enfoques —o método de mercado e o método de ingresos— e amosa como se aplican para apoiar acordos de licenza.
A formación, que será impartida por Oxentia integramente en inglés, é eminentemente práctica, inclúe exemplos reais e comprende un exercicio final de simulación, no que o alumnado asumirá o rol dunha oficina de transferencia de tecnoloxía ou dunha empresa colaboradora para traballar nun modelo de valoración e na negociación dun acordo de licenza de propiedade intelectual.
O número de prazas é limitado.
Para calquera consulta pode contactar no enderezo electrónico ignicia.gain@xunta.gal