27
Set

Conversa en rede: diálogo sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade

On line

Engadir ao calendario

Título: Conversa en rede: diálogo sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade
Lugar: Online
Data: 27/09/2023
Hora: 11.00 h

A Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC organizan a próxima cita co ciclo Conversas en rede, unha serie de diálogos sobre deseño e procesos creativos para a innovación e a sostibilidade. Nesta ocasión, os profesionais invitados son os deseñadores Miguel Leiro e Ana Inés Jabares-Pita.

  • Miguel Leiro. Deseñador, comisario e educador, enfócase en expandir o valor cultural do deseño. Tras licenciarse en deseño industrial polo Pratt Institute (Nova York), fundou un estudo en Madrid especializado en produto, dirección creativa, interiorismo e branding. En 2020 creou Office of Design, cuxo proxecto insignia, MAYRIT Bienal, é unha plataforma líder de arquitectura e deseño experimental que celebra a súa terceira edición en maio de 2024. Con proxectos e exposicións en diversos países, Leiro obtivo o Premio Roma da Academia Española, é membro da xunta de dei_mad (Asociación de Deseñadores de Madrid) e beneficiario da Bolsa Injuve Emprendemento, da Bolsa BilbaoArte e do Paris Maison Premio & Objet Rising Talent.
  • Ana Inés Jabares-Pita. Deseñadora e escenógrafa galega, desenvolve o seu traballo a nivel internacional en ópera, danza, teatro, cine e exposicións. Gañadora de varios premios –como o Linbury de deseño escénico en 2013 polo deseño de The Driver’s Seat para o National Theatre of Scotland–, recentemente foi a primeira deseñadora española en traballar para a Royal Shakeaspeare Company, co seu deseño para As You Like It. Nos últimos anos, traballou como escenógrafa para a ópera Breaking The Waves para o teatro St. Gallen (Suíza) e The Wreckers para Glyndebourne no Reino Unido e no 2022 debutou no West End de Londres coa obra Pride and Prejudice* (*sort of) no teatro Criterion. Os seus deseños víronse xa en Italia, Dinamarca, Alemaña, Canadá, España, Australia e EE.UU.

Esta conversa, retransmitida en streaming, busca abrir unha nova ventá ás tendencias máis efervescentes a nivel global en diversas especialidades do deseño, da man de deseñadores e deseñadoras galegos con gran proxección internacional.

O ciclo de conversas é unha iniciativa desenvolvida no marco da Rede internacional de profesionais do deseño galego, un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.