Presentación

A Axencia Galega de Innovación é unha axencia pública autonómica, adscrita á Consellería de Economía, Industria e Innovación pero con personalidade xurídica propia, que ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

Os obxectivos que persegue son:

  1. Liderar as políticas de innovación das administracións públicas galegas.
  2. Definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento.
  3. Definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia.
  4. Definir e desenvolver as políticas públicas dirixidas a incrementar a eficiencia en resultados do Sistema Galego de Innovación, avaliados mediante a implantación dun sistema de indicadores de impacto contrastable.
  5. Estimular a estruturación e consolidación do Sistema Galego de I+D+i.
  6. Fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega.
  7. Promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta.
  8. Promover a progresiva internacionalización dos axentes e das iniciativas de innovación impulsando a presenza de empresas nos programas europeos de innovación e o acceso a fondos de financiamento internacionais.
  9. Definir e desenvolver políticas públicas dirixidas á captación e xestión do talento que permitan, no seu conxunto, incrementar o rendemento innovador das empresas e do Sistema Galego de Innovación.
  10. Coordinar os recursos autonómicos no ámbito da I+D+i e concertalos cos que se acheguen desde contribucións de plans estatais e fondos da Unión Europea.
  11. Favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.
  12. Apoiar a promoción e divulgación do coñecemento científico e tecnolóxico en Galicia, promovendo o interese da sociedade pola investigación, o desenvolvemento e a innovación.