O persoal investigador é o actor fundamental na xeración dos resultados da I+D que están na base de todo proceso de transferencia. Para acadar unha maior efectividade nos procesos de comercialización de resultados, dende o Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento proporciónase formación ao persoal de investigación para adquirir coñecementos e competencias relacionadas coas actividades de transferencia e emprendemento.
Búscase así contribuír ao desenvolvemento profesional do persoal investigador tanto para continuar a carreira investigadora na universidade e nos organismos públicos de investigación, como noutras contornas como poden ser os centros tecnolóxicos ou as empresas.
Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais
Este novo Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais (HCS) amplía a liña de formación e desenvolvemento profesional que impulsa o Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento cunha acción que contempla as especificidades dos procesos de valorización e comercialización de capacidades e resultados de investigación nestas disciplinas.
Vai dirixido ao persoal investigador e ao persoal xestor de transferencia que traballa en centros de coñecemento do ecosistema de I+D+i de Galicia dedicados a disciplinas de Humanidades e Ciencias Sociais (HCS): arte, historia, dereito, economía, psicoloxía, comunicación…
O seu obxectivo é axudar a transformar os resultados da investigación en HCS en produtos e servizos útiles para a sociedade, ofrecendo un conxunto de coñecementos e ferramentas necesarios para achegar esa investigación ao mercado e á sociedade.
Este programa, que ten carácter gratuíto, ofrece 30 prazas para participar en sesións de formación e obradoiros, en formato en liña. Ademais, ofrece un servizo de mentoría especializada para 5 proxectos. O programa inclúe tamén unha sesión presencial final na que se presentarán os proxectos mentorizados.
Para participar no programa formativo será necesario enviar a programacion.centros.gain@xunta.gal o formulario de inscrición; as persoas inscritas na xornada do 11 de xullo deberán remitir de novo o formulario confirmando o seu interese na cuadrícula habilitada. Ademais, as persoas interesadas en acceder ao servizo de mentoría deberán enviar tamén unha una breve memoria descritiva do proxecto; na sección Documentación facilítase o guión de contidos.
O prazo de inscrición finaliza o 8 de setembro de 2023 ás 14:00h.
Documentación:
Curso online: “Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i”
Este curso, de carácter gratuíto, está dirixido a persoal investigador posdoutoral, a persoal investigador contratado con cargo a proxectos de Universidades e Organismos Públicos de Investigación, así como a persoas investigadoras e tecnólogas dos Centros Tecnolóxicos. O seu obxectivo é introducir ao persoal investigador nas bases da transferencia de coñecemento e a comercialización de resultados da I+D, ademais de contribuír ao desenvolvemento das seguintes capacidades: comprensión do valor da innovación e da investigación traslacional académica, as habilidades para presentar a investigación e conectar coa industria, e as estratexias para mellorar a produtividade da innovación nun entorno académico.
Curso online: “Formación executiva para persoal investigador posdoutoral”
O propósito desta formación é capacitar e orientar a 20 participantes en coñecementos e competencias relacionados coa comercialización de resultados de investigación, así como na promoción e xestión de spin-offs.
Curso online: “Transferencia e comercialización nas Ciencias Sociais, Artes e Humanidades”
Este curso ten como obxectivo dotar ao persoal investigador e ao persoal de xestión de transferencia das mellores estratexias para construír unha carteira de proxectos de valorización e comercialización sostible, identificar os mellores modelos de negocio, así coma os mecanismos de protección da propiedade intelectual máis axeitados para os resultados nos campos das Ciencias Sociais, Artes e Humanidades.
Máis información