Investigación e innovación sobre a Covid-19

Dende a Xunta de Galicia, no contexto da pandemia provocada pola Covid-19, queremos dar resposta a través da investigación, o desenvolvemento e a innovación.

Axudas para proxectos de investigación Covid-19 presentados ao ISCIII


O Diario Oficial de Galicia do 24 de agosto de 2020 publica as bases reguladoras e a convocatoria dunha nova liña de axudas posta en marcha pola Axencia Galega de Innovación para apoiar proxectos de investigación relacionados coa enfermidade da covid-19 e o desenvolvemento de fármacos e vacinas eficaces. O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de setembro.

Esta convocatoria, dotada con 3 millóns de euros susceptibles de cofinanciamento a través de fondos Feder dentro do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, está destinada a rescatar e apoiar aqueles proxectos de investigación galegos que se presentaron á convocatoria de expresións de interese do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade covid-19. A través desta convocatoria do ISCIII, que recibiu máis de 1400 expresións de interese, varios proxectos galegos foron apoiados directamente polo ISCIII e preto doutra vintena foron avaliados favorablemente, sen obter financiamento. Agora, este programa da Xunta busca apoiar estes proxectos de alto nivel e calidade científica.

Os beneficiarios destas axudas son organismos de investigación do Sistema Galego de I+D+i, públicos ou privados. Na selección das iniciativas, que se poderán desenvolver ata setembro de 2022, terase en conta a súa excelencia científico-técnica, a súa implementación e o seu impacto. A intensidade da axuda é do 100%, prevendo pagamentos anticipados de ata a totalidade da axuda en cada anualidade e

Dispoñible máis información e enlace á convocatoria na sección axudas desta web.


Aceleradora CONNECT-19


A Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración con Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. (Tecnópole) lanzaron o Programa de Aceleración da comercialización de solucións innovadoras para a loita contra o impacto da Covid-19: CONNECT-19

O Programa Connect-19, ten como obxectivo impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras do tecido empresarial galego que poidan contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola enfermidade Covid-19.

O Programa consiste na aplicación dunha metodoloxía de aceleración de carácter práctico para posta inmediata no mercado dos produtos e servizos innovadores fronte ao Coronavirus, baseada en 3 áreas de traballo coa empresa beneficiaria: Itinerarios personalizados, mentorización e formación transversal e capacitación.

A aceleradora Connect-19 está permitindo consolidar 20 proxectos de pemes centrados no desenvolvemento de solucións innovadoras fronte á covid-19, cun investimento público de 600.000 euros. As 20 iniciativas seleccionadas contribuirán a ampliar o espectro da loita contra a covid-19 a través de proxectos centrados no traballo de máscaras infantís biodegradables feitas con fibras vexetais; en puntos de control de acceso e de temperatura; sistemas de vixilancia de aforo en espazos públicos a través de drons; un kit sensorial para a detección precoz da covid-19; o desenvolvemento de ingredientes cosméticos con capacidade antiviral para incorporalos a distintos produtos; a posta en marcha dunha aplicación para a xestión de dietas en hospitais e outro tipo de centros incluíndo un proceso de dixitalización para pacientes covid; ou o desenvolvemento de ferramentas orientadas ao teletraballo, entre outros.

Máis información dispoñible en http://connect19.gal


#HACKatHOME


A Axencia Galega de Innovación involucrou a empresas tecnolóxicas, universidades e a innovadores nun hackathon para atopar solucións a problemas derivados da crise da covid-19.

Desde a Xunta de Galicia uniuse, de forma remota, a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa tecnoloxía para desenvolver ideas innovadoras e así axudar á industria, ao comercio e ao emprego a construír unha nova realidade.

Por este motivo, naceu en Galicia o primeiro hackathon virtual no que participaron máis de medio cento de persoas procedentes principalmente de España pero tamén doutros países como Reino Unido ou Polonia. Durante 4 xornadas intensivas de traballo, os participantes agrupados en equipos traballaron para dar resposta a cinco retos definidos conxuntamente pola Administración e as entidades colaboradoras e transformaron as súas propostas de produtos físicos ou solucións TIC en prototipos minimamente viables, coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao ecosistema innovador galego.

Das 23 ideas presentadas chegaron á fase final 16, nas que estaban representados os cinco retos: solucións “de baixo contacto” para minimizar o contacto de traballadores e clientes co virus nos espazos de traballo; incrementar a seguridade dos espazos comerciais; optimizar o teletraballo e minimizar o contacto interpersoal naqueles sectores que requiren traballo presencial; reducir as necesidades de desprazamento da industria; e coordinar equipos de traballo no novo contexto de separación física.

Os tres proxectos seleccionados no pitching final foron: un dispositivo para minimizar o contacto con superficies como pantallas informativas ou máquinas de vending, un supermercado online que mellore a experiencia de compra a través da simulación en 3D, e unha aplicación para organizar feiras virtuais.

Na organización do evento a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia contou coa colaboración de preto de 40 entidades que participaron na validación dos retos, na difusión do evento, na mentorización dos proxectos e no comité de avaliación. Entre os colaboradores cóntanse clústeres e asociacións empresariais de Galicia (Clúster TIC Galicia, Aclunaga, Cointega, Bioga, Clúster Alimentario de Galicia, Ceaga, Federación Galega de Comercio, Clúster da Madeira, DiH DATAlife e Clúster Saúde Galicia), empresas (Grupo Nueva Pescanova, Imatia, Zendal, Televes, Mestrelab Research, Quobis, PSA, Kelea e El Corte Inglés) as tres universidades galegas (Universidade de Vigo, Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela) e centros de coñecemento (Citic, Citius, Itmati e atlanTTic), os centros tecnolóxicos (Instituto Tecnológico de Galicia, Gradiant, Atiga, CTAG, Fedit, Aimen e Cetim), outras organizacións e axentes (Cesga e Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), así como distintos departamentos da Administración autonómica.

Máis información dispoñible en https://gl.hackathome.gal



Chamada capacidades e axudas directas proxectos innovadores


Gain publicou unha chamada o 20 de marzo de 2020, que se mantivo aberta ata o día 27 de marzo. A través desta canle foron recibidas multiples ideas, propostas de produtos e solucións innovadoras, así como proxectos de I+D.

A situación de emerxencia derivada da pandemia do coronavirus fixo necesario actuar con axilidade para impulsar, en primeiro lugar, aquelas propostas de proxectos de innovación que puidesen ser transferibles ao sistema de saúde, pero tamén á industria, ao comercio ou ás forzas e corpos de seguridade.

Das máis de 160 propostas recibidas, seleccionáronse as que encaixaban dentro de proxectos de innovación -as demais foron derivadas ao Comité de fabricación de equipamento sanitario creado pola Xunta, a outros departamentos ou reorientadas cara a convocatoria do Instituto de Salud Carlos III por tratarse de proxectos de investigación, non de innovación.

Estas propostas foron avaliadas por expertos de cara a constatar a súa calidade, atendendo a criterios de adecuación da solución proposta, viabilidade técnica e posibilidade de chegar ao mercado no prazo indicado.

Proxectos seleccionados
Finalmente recibiron financiamento un total de oito propostas, as que máis se axustaban tras recibir a mellor puntuación, logo de analizar cuestións como a viabilidade técnica e a súa posibilidade de chegar ao mercado.

Das oito iniciativas, seis son de pemes e dúas pertencen ao ámbito universitario. En concreto, AMSlab desenvolverá un proxecto para a rápida e sinxela detección molecular in situ do SARS-CoV-2, sen requirimento de instrumentación; Setga traballará en cabinas esterilizadoras; Bionix Supplychain Technologies aposta por un respirador de baixo custo industrializable a escala; mentres que Técnicas de Soft avanzará nun respirador autónomo reutilizable; Fentotek desenvolverá un ventilador invasivo con control de impulsión lineal; e Creativigo Consultores de Innovación traballará nun sistema de control de accesos por recoñecemento facial con captura da temperatura.

Por outra banda, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), xerará cartografía de risco do COVID-19 nos espazos urbanos e rurais da Comunidade co obxectivo de coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio, con que factores territoriais se relaciona e cales son os espazos clave de actuación para frear a propagación; e a Universidade de Vigo centrarase no desenvolvemento e validación de operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados para efectuar tarefas de desinfección.

A intensidade das axudas varía entre o 50% e o 100% dos custos de desenvolvemento do proxecto, todas elas poden solicitar o anticipo do 100% da axuda concedida e quedan exentas da presentación de garantías.



Outras convocatorias abertas para apoiar a I+D+i fronte o COVID-19


Plataforma Amable: Solucións a desafíos para Covid-19 en fabricación aditiva

  • Entidade: Proxecto apoiado por H2020 da Unión Europea
  • Amable ten como obxectivo buscar solucións a desafíos fronte a Covid-19 con fabricación aditiva. Ofrece apoio financeiro a individuos e empresas que propoñan ideas de solución para os desafíos priorizados. Ata 60.000€ máximo, 10.000 por desafío. Así mesmo, as accións financiadas en virtude desta convocatoria recibirán apoio activo para o desenvolvemento por parte de expertos do consorcio, incluída a impresión de proba, a simulación e a construción onde sexa necesario.
  • Beneficiarios: pemes e midcaps
  • Prazo: desde o 1 de abril ata o 1 de outubro de 2020
  • Máis información: https://www.amable.eu/calls


AXA research Foundation Exceptional Flash Call for Proposals Mitigating risk in the wake of the Covid-19 Pandemic


Fondo Supera COVID-19

  • Entidades: Crue Universidades Españolas, CSIC e Banco Santander
  • Este fondo, dotado con 8,5 millóns de euros, está dirixido a financiar programas, proxectos colaborativos e medidas de apoio ao ámbito universitario para minimizar o impacto da crise provocada polo coronavirus nos ámbitos sanitario, educativo e social.
    • LIÑA 1: INVESTIGACIÓN APLICADA/ESPECÍFICA COVID19
      • 1.1 Financiamento adicional para proxectos de investigación sobre o SARS-COV-2 e a enfermidade Covid-19, xa financiados en convocatorias competitivas de axencias ou institucións nacionais ou internacionais, e que estean actualmente en desenvolvemento.
      • 1.2 Proxectos novos de investigación que se enmarquen dentro das seguintes liñas prioritarias: caracterización clínico-molecular da enfermidade Covid-19; desenvolvemento de terapias para o tratamento da enfermidade Covid-19; intelixencia artificial e análise masiva de datos orientados ao control clínico-epidemiolóxico da enfermidade Covid-19; e desenvolvemento de protocolos de atención e coidado de pacientes afectados da Covid-19
    • LIÑA 2: PROXECTOS DE IMPACTO E RENDIBILIDADE SOCIAL. Nesta segunda liña financiaranse proxectos cuxo obxectivo sexa analizar os efectos da enfermidade Covid-19 cunha metodoloxía multidisciplinar, incluíndo as ciencias sociais, humanas, do comportamento e xurídicas, co obxectivo de paliar as súas consecuencias.
    • LIÑA 3: FORTALECEMENTO DA CAPACIDADE TIC DO SISTEMA UNIVERSITARIO ESPAÑOL (SUE). Nesta liña, o Fondo non establece chamada pública, xa que as súas accións serán levadas a cabo polas universidades do SUE, a través de Crue-TIC, sectorial da institución que será responsable da súa coordinación, aínda que baixo a aprobación do Comité Avaliador para aquelas propostas de importe superior a 100.000 euros.
  • Cada solicitude debe ser liderada ou coordinada por unha universidade adherida ao Fondo ou centro do CSIC e debe contar como mínimo coa participación dunha universidade. Valorarase positivamente a interdisciplinariedade do consorcio creado para cada proxecto. Nestes consorcios, ademais de contar coa participación das universidades, formen ou non parte do Fondo, poden incluírse outros centros de investigación ou actores do Sistema Español de Ciencia e Tecnoloxía, así como empresas que poidan achegar valor ao desenvolvemento e consecución dos obxectivos do proxecto.
  • Prazo: Dende o 22 de abril ata a extinción do Fondo ou como máximo ata o 18 de decembro do 2020. SUSPENDIDA TEMPORALMENTE
  • Máis información: http://www.crue.org/comunicacion/noticias/fondosuperacovid19.aspx


Axudas ao investimento para a fabricación de produtos relacionados coa COVID-19 (Inviste COVID-19) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415B)

  • Entidade: IGAPE
  • Estas axudas teñen como obxecto subvencionar aqueles proxectos de investimento levados a cabo polas empresas galegas que permitan a fabricación de produtos relacionados coa Covid-19. Non poderán combinarse con outras axudas ao investimento polos mesmos custos subvencionables.
  • Beneficiarios: pequenas e medianas empresas así como as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
  • Prazo: 30 de setembro ou ata esgotamento do crédito
  • Máis información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200526/AnuncioO92-140520-0002_gl.html


BStartup Health

  • Entidade: Banco Sabadell
  • Investimento en proxectos de saúde en fases pre-seed e seed. O investimento irá dirixido fundamentalmente a validar a tecnoloxía/investigación e o negocio. Seleccionaranse tres proxectos de entre os presentados en toda España.
  • Beneficiarios: startups
  • Máis información: https://bstartup.bancsabadell.com/inversion/



Modificación das condicións dos programas de axuda vixentes


O Consello da Xunta de Galicia do venres 22 de maio aprobou a modificación de determinados artigos das bases reguladoras das convocatorias dos programas Fábrica Intelixente, Conecta Peme, Unidades Mixtas de Investigación e InnovaPeme, en resposta ao impacto económico e social da crise sanitaria orixinada pola pandemia da covid-19. Estas medidas foron publicadas no Diario Oficial de Galicia do 2 xuño e entraron en vigor ao día seguinte.

Como consecuencia da declaración do estado de alarma a execución dalgúns proxectos foi suspendida ou ben continuou pero a un ritmo moito menos intenso, debido ás dificultades de subministro, expedientes de regulación de emprego temporais que afectaron ao persoal investigador, paralizacións ou demoras nas subcontratacións necesarias ou outras circunstancias derivadas do contexto actual. Co obxectivo de minimizar o impacto destas circunstancias sobre os axentes do Sistema galego de innovación, a Axencia Galega de Innovación decidiu introducir unha serie de modificacións nas convocatorias co obxectivo de:

  • Darlle liquidez aos beneficiarios para continuar coas actividades dos proxectos.
  • Acompasar a distribución anual do gasto á progresión das actividades das mesmas.
  • Facilitar as xustificacións parciais.
  • Evitar reintegros por desviacións nalgún concepto de gasto superiores aos inicialmente previstos, sempre coa condición de que o proxecto se realice.

En concreto, as modificións afectaron a 114 expedientes do programa de Fábrica Intelixente – convocatorias 2016, 2018 e 2019 -, Conecta Peme – convocatoria 2018 -, Unidades Mixtas de Investigación – convocatorias 2017 e 2018 – e Innova Peme – convocatoria 2019 -.

Estas medidas poden resumirse en:

  • Ampliación dos prazos para a realización de gastos e pagos ata o 31 de decembro de 2020 e de presentación de xustificacións do exercizo 2020 ata o 31 de marzo de 2021, agás InnovaPeme.
  • Modificación das porcentaxes dos anticipos, o que permite, con carácter xeral, liberar o 100% da anualidade 2020 (agás Innovapeme que é de ata o 70%), previa solicitude por parte dos interesados que estará dispoñible na web de Gain. Isto supon un investimento de preto de 29M€.
  • A redistribución das anualidades concedidas, previa solicitude do beneficiario, cun límite máximo do 20-30% do custo concedido para cada anualidade, aumentando no mesmo importe a seguinte anualidade. Esta redistribución debe solicitarse antes do 15 de setembro de 2020.
  • A inspección “in situ” das actividades do proxecto pode substituírse pola entrega de xustificación documental.
  • En canto á graduación dos incumprimentos, minórase o factor de corrección que se aplica cando a xustificación non acada un mínimo.



Interrupción e reanudación dos prazos


En virtude do acordo da Xunta de Galicia polo que se adoptaron medidas adicionais preventivas nos lugares de traballo do sector público autonómico publicado o sábado 14 de marzo, suspendéronse os termos e interrompéronse os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Esta suspensión de termos e interrupción de prazos afectoulle aos procedementos administrativos que a Axencia Galega de Innovación (Gain) tiña en marcha como prazos de solicitude de axudas, prazos de notificación e resolución, prazos de enmenda, etc.

Tamén quedaron suspendidos os prazos de prescrición e caducidade de calquera acción e dereito durante o prazo de vixencia do estado de alarma e, se fora o caso, das prórrogas que se adoptaren.

O Consello da Xunta de Galicia do día 24 de abril aprobou continuar coa tramitación dos convenios e convocatorias de subvencións que estaban publicadas antes da declaración do estado de alarma, de tal xeito que se reanudaron os prazos de todas as convocatorias que Gain tiña publicadas.

Unha vez publicado no Diario Oficial de Galicia o luns 11 de maio, reanudáronse os prazos das subvencións convocadas pola Axencia Galega de Innovación no ano 2020 que quedaran suspendidos pola declaración do estado de alarma e das que aínda restaban días para poder presentar as solicitudes.


Enlaces ao Ministerio de Ciencia e Innovación e Comisión Europea


Enlaces ás seccións do Ministerio de Ciencia e Innovación e Comisión Europea sobre a I+D+i aplicada á loita contra o coronavirus: