Que é?
A Convocatoria Ignicia Proba de Concepto é unha iniciativa pioneira en España que promove o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galego facilitando a validación da tecnoloxía e a elaboración de plans de negocio que dean lugar á creación de spin- off ou a firma de acordos de licenza.
Que ofrece?
- Axuda económica: achega patrimonial destinada a financiar a execución de plans de negocio que permitan a validación técnica e comercial da investigación. Entre outros gastos fináncianse estudos de mercado, prototipado e validación en contornas reais, análises de oportunidades comerciais e de negocio, etc.
- Networking: asesoramento e contacto con socios empresariais, inversores e clientes potenciais.
- Asesoramento: durante toda a execución do plan de negocio para alcanzar o éxito comercial a través de fitos de seguimento.
- Recoñecemento: o Programa Ignicia recoñece as tecnoloxías galegas máis relevantes dende un punto de vista científico e comercial.
Que tipo de proxectos busca?
O Programa Ignicia busca proxectos que:
- Aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou case reais (TRL4 a TRL9).
- Teñan resultados con potencial de transferencia e de xeración de retornos económicos no curto e medio prazo.
- Con capacidade de xerar un impacto positivo na sociedade.
- Con equipos comprometidos coa comercialización e a transferencia.
Selección dos Proxectos Ignicia
Os Proxectos Ignicia pasan un proceso de avaliación en dúas fases no que participa un panel de expertos internacionais xunto con expertos da Axencia Galega de Innovación e da Fundación Barrié. Entre outros aspectos realízase unha análise do salto tecnolóxico que propón cada proxecto en relación ao estado da arte e a ciencia e especialmente do grao de compromiso do equipo promotor para a comercialización dos resultados do proxecto.
Antes da súa aprobación, cada proxecto recibe asesoramento especializado durante dous meses para a elaboración e mellora dun plan de desenvolvemento e comercialización. A maiores, os proxectos son sometidos a unha auditoría legal (DDL) para comprobar posibles condicionantes sobre a explotación dos resultados.
Impacto da Convocatoria Ignicia Proba de Concepto
Como resultado das dúas primeiras convocatorias do programa (2016 e 2018), constituíronse ata o momento 9 spin-offs que dan emprego de alta cualificación a máis de 100 persoas e atraeron investimento privado por máis de 5 millóns de euros de importantes fondos nacionais e rexionais, como: BeAble Capital, Alma Mundi, Nowture, Rosp Corunna, CDTI, Xesgalicia, Unirisco ou Vigo Activo, entre outros.
Ademais, firmáronse 3 acordos coa industria, un coa multinacional española Ziacom Medical, que levará ao mercado a tecnoloxía resultante do proxecto Biofast, e outro coa multinacional Jumio (proxecto AIDFORK), empresa líder mundial en verificación de identidade. Pola súa banda, no marco do proxecto KIT-DITOBA asinouse un contrato de prestación de servizos con Health Diagnostics, do Grupo Quirón, grupo hospitalario privado líder a nivel nacional.
En 2021 publicouse a terceira convocatoria deste programa, que, cun orzamento de 2.800.000€, apoia 7 novos proxectos dos centros de coñecemento galegos que aspiran a crear, a partir do ano 2023, 4 spin-offs e licenciar outras 3 tecnoloxías á industria relacionada.
En xaneiro de 2023 publicouse a nova convocatoria do programa, que conta cun orzamento de 3.960.000 € e que apoiará 8-9 novos proxectos.
Desde o seu lanzamento en 2016, o Programa Ignicia dinamizou un investimento público de máis de 10 millóns de euros.
Durante a súa participación no programa, varios proxectos Ignicia foron merecedores de diversos premios e recoñecementos a nivel nacional e internacional (China Innovation & Entrepreneurship International Competition 2019, Premio á Acción Empresarial Máis Innovadora Ligada á Universidade dos Premios Cinco Días á Innovación Empresarial 2019, segunda start-up máis innovadora de España en 2019 por El Referente, J & J Quick Pitch na JP Morgan Healthcare Conference, mellor idea do ano dos premios Galileo Masters da Axencia Europea GNNS, etc).
Por último, os proxectos accederon a outras iniciativas de aceleración, o que permitiu que consolidasen o seu éxito. Por exemplo: Viagalicia, BFAuto, Caixa Impulse, Startups R Dico Challenge, Abanca Innova ou Bioincubatech, entre outras.
Resultados dos Proxectos Ignicia #1 (actualización decembro 2021)
- Alén Space S.L.: Spin-off da Universidade de Vigo, Alén Space é un fabricante de nanosatélites de referencia en Europa e América Latina. Conta cun equipo altamente cualificado de expertos en nanosatélites, adestrados por enxeñeiros con gran parte da experiencia no desenvolvemento de CubeSats, tecnoloxía de nivel inicial e procesos baseados nos estándares europeos do sector (ESA-ECSS).
- Alice Biometrics, S.L.: Spin-off do Centro Tecnolóxico Gradiant, é unha solución de verificación da identidade automática para o proceso de embarque dixital e cumprimento de KYC / AML.
- Ancora Mobile S.L.: Spin-off da Universidade de Vigo, Ancora Mobile ofrece unha solución para aplicacións móbiles se se conecta directamente con máquinas ou calquera sistema produtivo para intercambiar información.
- Liberabio, SL: Spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, Liberabio utiliza a plataforma patentada por MPN Technology® para dar un maior paso na utilización de biolóxicos médicos no tratamento personalizado do cancro: a liberación de anticorpos monoclonais a nivel intracelular, en células tumorais e metastáticas, para tratar dianas ata o momento inabordables dende o punto de vista farmacolóxico.
- Materiales Funcionales S.L.: Spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que ten unha tecnoloxía para a conformación de pezas cerámicas a través de impresión 3D con utilidade para a comercialización de biocatalizadores e implantes para a rexeneración ósea.
- Biofast: esta tecnoloxía da Universidade de Vigo foi transferida á multinacional Ziacom para comercializar un biomaterial obtido a partir de dentes de tiburón para a rexeneración ósea desenvolvida polo Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo.
- KIT-DITOBA: Esta tecnoloxía da Fundación Profesor Novoa Santos, consistente nun kit de diagnóstico específico de osteoartritis que proporciona un sistema de diagnóstico menos invasivo, máis barato e fácilmente integrable na práctica clínica, está sendo comercializada a través dun contrato de prestación de servizos cun grupo hospitalario privado nacional.
Resultados dos Proxectos Ignicia #2 (actualización febreiro 2022)
- inVerbis Analytics, S.L.: Spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, é unha plataforma que ofrece as mellores ferramentas de minería de procesos que permite que empresas de consultoría, de certificación ou desenvolvemento de software, entre outras, poidan aplicar a minería de procesos ás súas propostas de valor.
- Artificial Intelligence Indestia, S.L.: Spin-off da Universidade da Coruña, Indestia comercializa un software baseado en técnicas de intelixencia artificial que permite determinar as mellores imaxes dun conxunto desde unha perspectiva da calidade, o valor estético ou o impacto comercial.
- Celtarys Research, S.L.: Spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, Celtarys deseña e produce ferramentas químicas fluorescentes, moi sensibles e específicas, empregando unha metodoloxía eficiente e respectuosa co medio ambiente, que permiten acelerar o descubrimento de fármacos.
- AIDKFORK: A tecnoloxía Fawrensian do proxecto Aidfork (Universidade de Vigo), que permite a detección automática de falsificación de imaxes, está sendo utilizada xa, entre outras entidades, pola multinacional Jumio, líder mundial en verificación de identidade.
- Diversa Technologies, S.L.: Spin-off da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), cuxo obxectivo é a comercialización de nanotecnoloxía para a liberación controlada de fármacos e biomoléculas terapéuticas, co fin favorecer o desenvolvemento de medicamentos avanzados e achegar solucións a necesidades médicas non cubertas.