Hubs de Innovación Dixital

O Plan Galicia Innova 2020 aposta por un modelo de Hubs de Innovación Dixital, un novo marco de colaboración público-privado que integra a todos os axentes do sistema galego de I+D+i.

Os principais obxectivos deste modelo son cohesionar o sistema galego de innovación articulando modelos de colaboración abertos que permitan coñecer e aproveitar as capacidades existentes e reforzar e avanzar na especialización intelixente de Galicia, concentrando os recursos e infraestruturas ao redor de ámbitos estratéxicos para Galicia (Industria 4.0, Aeronáutica e Bioeconomía), baixo o principio da autosostibilidade.

Os Hubs de Innovación Dixital poden definirse como un punto de encontro da empresa, a investigación e o financiamento, do que todos se benefician: as empresas provedoras de innovación poderán madurar as súas tecnoloxías e ampliar as súas aplicacións, abrindo novos mercados; as pemes obterán apoio para levar ao mercado novos produtos e servizos competitivos, tendo acceso á incorporación e o aproveitamento das tecnoloxías máis novidosas para mellorar a súa competitividade e posicionamento global; e os centros de competencias estenderán as súas actividades a proxectos industriais abrindo modelos de negocio sostibles, entre outros.

Algúns dos servizos que ofrecen os Hubs son: actuar como ventanilla única de acceso a servizos de apoio á innovación e compartir infraestruturas e coñecemento; facilitar o acceso a financiamento para a dixitalización; prover servizos de mentoring e formación; fomentar sinerxias e transferencia entre industrias; apoiar o emprendemento; crear vínculos con redes europeas de Hubs e cooperar con outros Hubs; ofertar os últimos coñecementos e experiencias en tecnoloxías avanzadas, etc.

Na seguinte ligazón está dispoñible a documentación da xornada Hubs de Innovación Dixital: novos marcos de colaboración celebrada o pasado 2 de marzo de 2018.