Hubs de Innovación Dixital

Anuncio de manifestacións de interese para a conformación de Hubs de Innovación Dixital para 2018

No marco do Plan Galicia Innova 2020, a Xunta de Galicia está interesada en promover a implementación e dinamización dos Hubs de Innovación Dixital, como o principal instrumento para dinamizar a innovación. Con este obxectivo, está prevista a publicación dunha convocatoria de axudas dirixida á posta en marcha destas estruturas.

Previamente, e para dispor de información suficiente para definir esta convocatoria, considérase preciso efectuar un anuncio e abrir un prazo dun mes para que os axentes do sistema galego de innovación que así o desexen poidan achegar as súas manifestacións de interese, e presenten unha proposta de configuración de Hub baixo os criterios mínimos que se establecen neste anuncio.

Ademais este anuncio, con data de publicación no DOG do 17 de agosto, agárdase que sirva para fomentar a colaboración entre os diversos axentes para a presentación de propostas coordinadas que conten co consenso necesario que garanta a súa eficacia e eficiencia.

As propostas ou manifestacións de interese, deberán encamiñarse a describir unha visión e actividades preparatorias para a posta en marcha do Hub de Innovación Dixital, deberán demostrar a capacidade de consorcio dos axentes que configuran o Hub e o enfoque dos Hubs terá que cubrir de forma prioritaria tecnoloxías que representen un potencial importante para á industria.

Documentación:
Anuncio de manifestacións de interese (DOG: 17/08)


O Plan Galicia Innova 2020 aposta por un modelo de Hubs de Innovación Dixital, un novo marco de colaboración público-privado que integra a todos os axentes do sistema galego de I+D+i.

Os principais obxectivos deste modelo son cohesionar o sistema galego de innovación articulando modelos de colaboración abertos que permitan coñecer e aproveitar as capacidades existentes e reforzar e avanzar na especialización intelixente de Galicia, concentrando os recursos e infraestruturas ao redor de ámbitos estratéxicos para Galicia (Industria 4.0, Aeronáutica e Bioeconomía), baixo o principio da autosostibilidade.

Os Hubs de Innovación Dixital poden definirse como un punto de encontro da empresa, a investigación e o financiamento, do que todos se benefician: as empresas provedoras de innovación poderán madurar as súas tecnoloxías e ampliar as súas aplicacións, abrindo novos mercados; as pemes obterán apoio para levar ao mercado novos produtos e servizos competitivos, tendo acceso á incorporación e o aproveitamento das tecnoloxías máis novidosas para mellorar a súa competitividade e posicionamento global; e os centros de competencias estenderán as súas actividades a proxectos industriais abrindo modelos de negocio sostibles, entre outros.

Algúns dos servizos que ofrecen os Hubs son: actuar como ventanilla única de acceso a servizos de apoio á innovación e compartir infraestruturas e coñecemento; facilitar o acceso a financiamento para a dixitalización; prover servizos de mentoring e formación; fomentar sinerxias e transferencia entre industrias; apoiar o emprendemento; crear vínculos con redes europeas de Hubs e cooperar con outros Hubs; ofertar os últimos coñecementos e experiencias en tecnoloxías avanzadas, etc.

Na seguinte ligazón está dispoñible a documentación da xornada Hubs de Innovación Dixital: novos marcos de colaboración celebrada o pasado 2 de marzo de 2018.