Plan Galicia Innova 2020

O Plan Galicia Innova 2020 constitúe o marco instrumental para articular e reforzar a política de I+D+i galega, e acadar os obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3) e do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.

A súa misión é consolidar un modelo de crecemento inclusivo e sostible situando a I+D+i como factor clave para garantir a competitividade da economía e a capacidade da sociedade galega para responder ás transformacións globais e aos retos económicos, sociais e ambientais que estamos a vivir. Para elo, faise preciso activar todo o potencial da innovación para anticiparse ao cambio e maximizar as oportunidades que se presentan.

O Plan busca, de forma coordinada co conxunto de estratexias de ámbito rexional, nacional e europeo, e no marco do financiamento comunitario ata 2020:

  • maximizar, a través da innovación, os obxectivos de modernización da economía, competitividade e progreso social asumidos no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020
  • acadar con éxito os obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) cara a 2020, avanzando na especialización a través da priorización en ámbitos estratéxicos para Galicia e impulsando o liderado empresarial, especialmente das pemes, na transformación das ideas innovadoras en produtos e servizos de alto valor engadido, xeradores de crecemento, emprego e benestar.
  • situar a I+D+i como factor clave para a competitividade da industria galega
  • e consolidar un modelo sustentable que aposte pola inclusión social.

Os principais retos do Plan son a posta en valor da investigación científico-tecnolóxica, a mellora da transferencia do coñecemento ao tecido empresarial e a tradución do retorno do investimento realizado en maior actividade e crecemento económico.