A terceira edición do coworking de Ferrolterra impulsará 22 novos proxectos empresariais que se suman aos máis de 40 apoiados ata agora

2018-04-05
  • Os emprendedores que participan nesta edición da aceleradora instalada no CIS Galicia da Axencia Galega de Innovación (Gain) desenvolverán, entre outros, proxectos de impresión 3D, de servizos apoiados nas TIC ou de turismo
  • Os participantes nesta edición da aceleradora impulsada conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a EOI, disporán de formación e asesoramento para desenvolver as súas ideas de negocio ou proxectos

Ferrol, 5 de abril de 2018.- Esta mañá comezou a desenvolverse a terceira edición do coworking de Ferrolterra onde os promotores de 22 iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades durante os próximos cinco meses para acelerar a posta en marcha de proxectos empresarias que se unirán aos máis de 40 acelerados ao abeiro das anteriores edicións.

Na apertura da terceira edición desta aceleradora localizada na sede do CIS Galicia da Axencia Galega de Innovación (Gain) participaron a directora da área de Centros de Gain, María José Mariño, e o subdirector de Emprendemento do Igape, Guillermo Viña. A aceleradora forma parte da rede de espazos coworking creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI), para facilitar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.

Nas anteriores edicións do coworking de Ferrolterra foron apoiados máis de corenta proxectos de novas empresas que recibiron asesoramento personalizado e que puideron coñecer os instrumentos de apoio que a Xunta de Galicia pon a disposición das novas empresas para facilitar a súa posta en marcha, consolidación temperá e internacionalización. Os promotores das 22 iniciativas seleccionadas para esta terceira edición desenvolverán, entre outros, proxectos de impresión 3D, de servizos apoiados nas TIC ou de turismo.

Onte comezou a terceira edición no coworking de Santiago e esta tarde comezan as sesións no de Mondoñedo. Nos próximos días darán comezo tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos da Ribeira Sacra, da Costa da Morte, e de Celanova e Terras da Limia, nos que participarán emprendedores que promoven en conxunto 130 novos proxectos. Mentres tanto, está a punto de rematar a primeira edición dos coworking activados en San Cibrao de Viñas, especializado no sector forestal-madeira, e en Vilanova de Arousa, para iniciativas de alimentación e turismo; en cada un destes espazos, que xa abriron o prazo de solicitudes para a participación na segunda edición, desenvolvéronse unha vintena de proxectos empresarias.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, ademais de facilitar formación e asesoramento especializado a través de iniciativas como a rede de espazos coworking, ofrécelles aos emprendedores, a través do Igape, servizos como a Rede Galega de Mentores, e instrumentos de apoio que inclúen as subvencións reguladas mediante programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, os novos préstamos directos do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital Risco como o Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina Xesgalicia.