Conde presenta os Hubs de Innovación Dixital como o mellor instrumento para desenvolver o ecosistema innovador galego

2018-03-02
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela na xornada ‘Hubs de Innovación Dixital. Novos marcos de colaboración’
  • Avanza que este instrumento, previsto no Plan Galicia Innova 2020, permitirá cohesionar o sistema galego de innovación para salvar a distancia entre o coñecemento e o mercado e facelo sustentable
  • Sinala a importancia de desenvolver Hubs naqueles sectores estratéxicos para a economía galega con máis potencial e destaca que se trata dun modelo de colaboración público-privado e aberto que se configura como punto de encontro da empresa, a investigación e o financiamento
  • Anima a emprendedores, empresas, centros de coñecemento e tecnolóxicos e administracións a sumarse a esta iniciativa con propostas para poder poñer en marcha os primeiros hubs o vindeiro ano

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe en Santiago que os Hubs de Inovación Dixital, a nova ferramenta prevista no Plan Galicia Innova 2020, será o mellor instrumento para desenvolver o ecosistema innovador galego, durante a xornada Hubs de Innovación Dixital. Novos marcos de colaboración, que se celebrou na Cidade da Cultura.

Tal e como explicou o conselleiro, no proceso de diálogo para a elaboración do Plan Galicia Innova 2020, detectouse un consenso de todos os participantes no sentido de que a Comunidade ten unha boa base sobre a que medrar no desenvolvemento da I+D+i grazas ao talento, as capacidades, a infraestrutura, as empresas e un sector industrial e empresarial con potencial. Así xurdiron os Hubs como o camiño a seguir para facer fronte aos retos do futuro, como a dificultade das pemes para innovar en solitario ou a necesidade de incorporar tecnoloxías facilitadoras en todo o sector produtivo.

Así, desenvolverase un sistema de colaboración aberto público-privado que será capaz de cohesionar o sistema galego para salvar a distancia entre o coñecemento e o mercado e conseguir ser sustentable. Os obxectivos que se perseguen son adaptar as características do tecido galego a unha especialización nos sectores estratéxicos, potenciar a incorporación de tecnoloxías facilitadoras e impulsar o potencial innovador das pemes.

Conde falou de “cambio cualitativo no modelo de innovación que queremos para a Galicia de 2030” e presentou os Hubs como punto de encontro entre a empresa, a investigación e o financiamento e avanzou que se configurarán como ventanillas únicas de servizos das que se beneficiarán todos os axentes implicados xa que, entre outros, poderán acceder a facilidades para incorporar tecnoloxía, apoio na planificación e acceso a investimentos, servizo de mentoring especializado, axuda para o emprendemento ou formación. Ademais, os centros de coñecemento participantes ofrecerán as súas infraestruturas e capacidades para o lanzamento de proxectos piloto ou demostración de novas tecnoloxías. “A empresa protagonizará o desenvolvemento de novas tecnoloxías e teremos a capacidade de desenvolver novas solucións innovadoras a través da carteira de servizos que ofrecerán estes Hubs”, afirmou.

Para a súa posta en marcha, que o Goberno galego agarda que se produza en 2019 tras estudar as primeiras propostas nos vindeiros meses, Conde avogou por centrarse naqueles sectores galegos con máis potencial, pois o obxectivo final é contar cun modelo realista, viable e sustentable no futuro.

O conselleiro pediu, ademais, a implicación de todo o sistema: desde os emprendedores ás administracións, pasando polos investidores, as pemes, as empresas tractoras e os centros de coñecemento e tecnolóxicos para que o éxito da innovación en Galicia chegue sobre a base da unión.

Plan Galicia Innova 2020

Conde referiuse a aposta que o Goberno galego está a realizar pola innovación e lembrou que entre 2011 e 2016, o Plan I2C permitiu executar un investimento público-privado de 1964 millóns de euros para fortalecer as infraestruturas de innovación, promover a investigación e consolidar o novo modelo de xestión do talento innovador. Un exemplo de programas postos en marcha neste eido son Oportunius, Principia, Ignicia, as Unidades Mixtas de Investigación ou as aceleradoras neste eido.

O conselleiro asegurou que o camiño cara a innovación en Galicia está planificado na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que desde 2014 ten permitido a posta en marcha de 1900 proxectos innovadores e destacou que, tras o traballo realizado para fortalecer as infraestruturas e capacidade da I+D+i galega, chega o momento de apostar polas persoas e pola unión de talentos e capacidades a través do Plan Galicia Innova 2020. A folla de ruta do Goberno galego dos tres vindeiros anos que, cun investimento de 1775 millóns de euros, pretende posicionar a Comunidade como territorio de referencia para innovar, poñendo o acento na investigación, mellorando a transferencia do coñecemento e logrando o seu retorno á sociedade grazas a un sistema científico innovador sustentable.