Conde destaca que o Plan Galicia Innova 2020 pon o acento nas persoas para anticiparse aos novos retos e ser máis competitivos

2018-02-06
  • A Xunta prevé mobilizar 1775 millóns de euros ata 2020 para que Galicia sexa unha terra fértil na cal as ideas se transformen en actividade económica e industrial máis competitiva, innovadora e sustentable, o que xerará emprego de calidade e benestar social
  • Anuncia a aprobación dos primeiros apoios a través do novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIS) para dous proxectos que suman un investimento de 1,2 millóns de euros
  • Adianta que este xoves se publicará no DOG a nova convocatoria do Conecta Peme, que prevé mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos nos que participarán arredor de 250 pemes
  • Galicia Innova 2020 agrúpase en tres grandes áreas de acción: coñecemento, co programa de Excelencia dos centros tecnolóxicos e o impulso das startups; o talento, con accións dirixidas á mocidade, aos emprendedores, aos profesionais e aos investigadores; e a innovación empresarial, con iniciativas para pemes, sectores estratéxicos e o fomento do deseño
  • O plan, que propón un novo modelo de colaboración entre todos os axentes o ecosistema a través dos Hubs de Innovación Dixital, prevé que Galicia incremente un 10% o número de traballadores vinculados á I+D e nun 15% as empresas innovadoras
  • Asegura que Galicia non parte de cero, xa que o investimento en I+D leva crecido máis dun 7,5% entre 2013 e 2016, case 6 puntos máis que no conxunto do Estado

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe na Cámara galega o Plan Galicia Innova 2020, do que destacou que pon o acento nas persoas para anticiparse aos novos retos e ser máis competitivos. Conde salientou que este novo plan vén ser o libro de cabeceira onde escribir as políticas innovadoras da Comunidade que marcará os pasos e accións a seguir e fortalecerá a colaboración público-privada.

Segundo dixo, a Xunta prevé mobilizar 1775 millóns de euros ata 2020, un 35% máis ao ano, para que Galicia sexa unha terra fértil onde as ideas se transformen en actividade económica e industrial máis competitiva, innovadora e sustentable, o que xerará emprego de calidade e benestar social.

Os retos, dixo, serán poñer en valor a investigación científico-tecnolóxica que se produce en Galicia, impulsando o coñecemento orientado á industria; mellorar a transferencia dese coñecemento e lograr o retorno dos investimentos á sociedade, grazas a resultados comercializables que permiten crear novas empresas e novos empregos.

Coñecemento, talento e innovación empresarial

O plan Galicia Innova 2020, que vai en consonancia cos retos da Estratexia de Especialización Inelixente (RIS3), agrúpase en tres grandes áreas de acción. A primeira, o coñecemento: cun programa de Excelencia dos centros tecnolóxicos; dando prioridade á investigación en ámbitos estratéxicos como a Industria 4.0, o sector agroalimentario, as enerxías renovables, a explotación forestal sustentable, ou o eido sanitario; e avanzando na economía circular e o cambio climático. Neste contexto, apuntou que este plan contempla incentivar a transferencia de coñecemento impulsando as startups, estimulando o labor do profesorado universitario e cun programa formativo para mellorar as capacidades de xestión das persoas responsables de centros e unidades de investigación.

O segundo eixe de acción será o talento para o que o plan contempla accións dirixidas á mocidade, aos profesionais, aos emprendedores e os investigadores. Así, promoverase entre a mocidade o estudo das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas. E, para apoiar o labor dos investigadores, estableceranse doutorados industriais; un programa de Talento Sénior para incorporar investigadores de traxectoria consolidada a empresas e centros tecnolóxicos; e manteranse —entre outros— o programa Principia para investigadores novos.

Como terceiro campo de actuación, Conde sinalou a innovación empresarial, co obxectivo de que haxa máis pemes innovadoras. Potenciaranse sectores como o aeronáutico para que Galicia sexa un referente europeo en aviación non tripulada; a bioeconomía, para seguir avanzando nos fármacos do futuro ou para valorizar o sector agroalimentario ou o dos recursos mariños; e a Industria 4.0, a través de sectores como a automoción ou o naval.

O conselleiro destacou que na innovación empresarial xoga un papel fundamental a capacidade que teñamos de sabernos vender ao mundo e ofrecer produtos e servizos únicos, polo que a Xunta traballa nun programa de fomento do deseño. Precisamente, adiantou que a Axencia Galega de Innovación está a colaborar na iniciativa Design4Innovation, cuxa convocatoria está aberta ata este xoves para identificar casos de éxito de deseño en Galicia en proxectos de calquera ámbito.

O novo plan, que propón un novo modelo de colaboración entre todos os axentes do ecosistema a través dos Hubs de Innovación Dixital, prevé que Galicia incremente un 10% o número de traballadores vinculados á I+D e nun 15% as empresas innovadoras.

Galicia non parte de cero

Conde salientou que Galicia non parte de cero porque o anterior plan de innovación, o Programa I2C, mobilizou preto de 2000 millóns de euros dos que o 41% (457 millóns de euros) foron destinados a fortalecer as infraestruturas da I+D+i galega, como é o caso dos centros tecnolóxicos ou os campus universitarios de excelencia. No marco dese plan, destacou tamén que se concederon máis de 800 axudas a investigadores destinadas a reter e captar talento. E máis de 360 millóns de euros se investiron en estimular redes de valor entre as empresas e os centros de coñecemento con programas como, por exemplo, o Conecta Peme.

Ao respecto, subliñou que este programa xa mobiliza investimentos por máis de 100 millóns de euros en 133 proxectos de cooperación nos que participan preto de 520 empresas. E anunciou que a nova edición, dotada con 27 millóns de euros, sairá publicada no DOG deste xoves 8 de febreiro. Prevé mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos nos que participarán arredor de 250 pemes, dixo.

Tamén mencionou que, ademais de converter Galicia nun referente en Compra Pública Innovadora, e crear unha rede de aceleradoras, tamén se investiu en capital risco máis de 7 millóns de euros entre 2013 e 2016 para apoiar 21 proxectos innovadores. E se activaron instrumentos financeiros cunha liña específica para a innovación. Neste sentido, adiantou que xa se aprobaron os 2 primeiros proxectos que se van beneficiar destas axudas cun investimento total de máis de 1,2 millóns de euros. No primeiro deles, de Hidrofersa, permitiralles adquirir a maquinaria necesaria. O segundo, de Torus Software solutions, promovida pola UDC, é un proxecto para desenvolver tecnoloxía Big Data e relacionada coa Industria 4.0.

O conselleiro apuntou que o investimento en I+D creceu en Galicia máis dun 7,5% entre os anos 2013 e 2016, conseguindo superar en case 6 puntos o aumento do conxunto do Estado (1,9%). Especialmente, precisou,medra o investimento en innovación que realizan as empresas nun 11,2%, triplicando o crecemento estatal (3,2%). Tamén o investimento executado pola Administración pública é un 17,7% superior, mentres que o incremento en España foi de 0,7%.

Neste punto, sinalou que as empresas galegas que declaran ser innovadoras subiron un 2,2% no último ano, ata as 2053; así como o investimento que realizan en innovación tecnolóxica, que se incrementou nun 9,3%, o maior dos últimos 4 anos.