Feijóo destaca a innovación na automoción, as TIC, a biotecnoloxía ou o aeronáutico como base común para impulsar relacións entre Galicia e Israel

2018-01-30
  • Asevera que ambos os territorios comparten o valor da tecnoloxía e a I+D+i como estímulo da competitividade económica
  • Resalta que as exportacións de Galicia a Israel aumentaron en 21 millóns de euros en 2016, un 23% máis que en 2015, sendo a automoción o sector que concentra a maior parte das exportacións (en 2016, o 61,3%)
  • Lembra que para construír o seu propio modelo de innovación, Galicia conta cun plan que, cunha mobilización de preto de 1.800 millóns, incrementará nun 10% o persoal empregado en I+D, ata os 10.400 profesionais
  • Refírese á Comunidade como un interesante emprazamento para proxectos innovadores, con interesantes vantaxes fiscais e administrativas para empresas que queiran investir

Tel Aviv (Israel), 30 de xaneiro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a innovación de sectores como o da automoción, o TIC, o biotecnolóxico ou o aeronáutico como base común para impulsar as relacións comerciais entre Galicia e Israel.

Durante a clausura esta tarde do encontro empresarial Galicia-Israel, dentro da primeira visita oficial dun presidente da Xunta ao país, Feijóo aseverou que ambos os territorios comparten o valor da tecnoloxía e a I+D+i como estímulo da competitividade económica. Unha aposta pola dixitalización e o coñecemento que leva a Galicia a esta Start Up Nation, todo un país de referencia en crecemento intelixente.

“En Galicia tamén cremos no poder transformador da innovación tecnolóxica; temos grandes expectativas nos progresos que está conseguindo a automoción, a biotecnoloxía, o naval, a industria agroalimentaria ou a aeronáutica no noso país; e queremos que Israel sexa un socio comercial para as empresas galegas máis innovadoras”, abundou.

Confiando en que este interese poida ser recíproco, Feijóo salientou que nesta misión comercial o acompañan máis dunha vintena de empresas, clústers e centros tecnolóxicos. Non en van, as exportacións de Galicia a Israel aumentaron en 21 millóns de euros en 2016, un 23% máis que en 2015, sendo a automoción o sector que concentra a maior parte das exportacións (en 2016, o 61,3%); as cifras de 2016 cuadriplican folgadamente as rexistradas en 2009 e no último ano, 121 empresas galegas exportaron a este país, un 70% máis que en 2008.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno autonómico expuxo que en todas estas áreas a industria galega está logrando fitos importantes, entre os que destacou: o lanzamento do primeiro vehículo autónomo que percorreu as estradas españolas, grazas ao traballo conxunto entre unha das plantas máis produtivas e innovadoras do Grupo PSA como é a de Balaídos e o labor que vén desenvolvendo o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia.

Así mesmo, subliñou que a Comunidade hai tempo que tamén se situou á cabeza de España en investigación tecnolóxica de avións non tripulados para uso civil, destinados a tarefas como o coidado do ambiente, a xestión do territorio ou a vixilancia antiincendios. E no eido da biotecnoloxía, Feijóo incidiu en que Galicia é unha das rexións de España que acumula un maior número de empresas biotecnolóxicas e a única que dispón dunha aceleradora dedicada á investigación de novos fármacos.

Feijóo puxo en valor, ademais, que os avances que está a facer a industria galega no ámbito da innovación se apoian na fórmula da colaboración público-privada, na que o modelo israelí é unha referencia. E lembrou que para construír o seu propio modelo de innovación, Galicia conta cun plan trazado con vistas a 2020 que, cunha mobilización de preto de 1.800 millóns, incrementará nun 10% o persoal empregado en I+D, ata os 10.400 profesionais; disporá dun 15% máis de empresas innovadoras ata superar o milleiro; creará hubs de innovación que agrupen o traballo de todos os axentes que participan en proxectos de I+D+i segundo o sector e, sobre todo, buscando a formación dos profesionais do futuro.

O presidente da Xunta concluíu o seu relatorio referíndose á Comunidade como un interesante emprazamento para proxectos innovadores.

Neste sentido, referiuse á rede de espazos coworking e de aceleradoras nas que participan grandes multinacionais. E, ademais das vantaxes fiscais e administrativas para as empresas que se queiran instalar ou ampliar a súa actividade en solo industrial da nosa Comunidade, resaltou que Galicia ofrece tamén as máximas facilidades para que os trámites administrativos non sexan un obstáculo que enlenteza calquera posible investimento.