A Xunta convida ao sector da innovación a construír coa administración o futuro de Galicia a través dun plan compartido e consensuado

2018-01-29
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou xunto co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nun foro en Santiago de Compostela sobre o Plan Galicia Innova 2020 con axentes do sector
  • Conde explica que o plan, cun investimento total de 1775 millóns de euros, pretende posicionar Galicia como un territorio referente no eido da innovación desenvolvendo medidas en torno ao coñecemento, o talento e a innovación empresarial
  • O Goberno galego lanza, dentro deste Plan, a convocatoria Design4Innovation para identificar casos de éxito de deseño en Galicia, editar unha publicación cos seleccionados e contar cos dous mellores nunha exposición de deseño europeo que se celebrará en Valleta (Malta) no mes de abril coincidindo coa súa capitalidade europea da cultura en 2018
  • Destaca que o plan pretende abrir o ecosistema galego aos principais polos innovadores do mundo como Israel, destino ao que acudirá mañá unha delegación encabezada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cunha vintena de empresas e centros tecnolóxicos

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, convidou hoxe ao sector da innvoación a construír de xeito conxunto coa Administración o futuro de Galicia, a través dun plan compartido e consensuado. Así o asegurou durante o foro sobre o Plan Galicia Innova 2020 no que participou esta mañá en Santiago de Compostela xunto co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e no que estiveron representantes do sector da innovación en Galicia co obxectivo de abrir un proceso de diálogo en torno a esta estratexia.

Así, Conde informou aos presentes sobre o novo Plan Galicia Innova 2020 que, enmarcado nas liñas da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), pon o acento nos protagonistas da innovación, as persoas, cun investimento de 1775 millóns de euros ata 2020 para posicionar Galicia como territorio de referencia en Europa para innovar.

Tal e como explicou, o Plan marca tres retos: poñer en valor a investigación científica tecnolóxica, xerar valor mellorando a transferencia de coñecemento e alcanzar o retorno do investimento. Para facer fronte a estes tres retos, poñeranse en marcha proxectos e programas divididos en tres áreas de acción: coñecemento, talento e innovación empresarial.

Dentro do primeiro eixo, destacan medidas para poñer en valor o traballo realizado polos novos investigadores e tecnólogos; o apoio á investigación en ámbitos estratéxicos como a Industria 4.0, o agroalimentario, a explotación forestal sustentable ou o eido sanitario; o impulso á economía circular e medidas para incentivar a transferencia de coñecemento con programas de valorización de resultados, estimulación do profesorado e formación.

No eido do talento, poñeranse en marcha medidas para o seu desenvolvemento en todas as idades e ámbitos: promovendo a vocación STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) entre a mocidade; apoiando aos emprendedores con programas integrais de aceleración e excelencia; respaldando aos profesionais con liñas como os doutorados industriais, o programa de Talento Sénior ou o mantemento do Principia; e ratificando o compromiso do Goberno galego cos investigadores.

En canto á innovación empresarial, a Xunta apostará por contar con máis pemes innovadoras e que as pemes innoven máis con novos instrumentos financeiros, continuando co reforzo da Compra Pública Innovadora e desenvolvendo a innovación en tres ámbitos clave: o sector aeronáutico, a bioeconomía e a Industria 4.0.

Ademais, Conde destacou que grazas a un novo instrumento, os Hubs de innovación dixital, poderanse desenvolver proxectos agrupando a axentes do ecosistema de I+D+i en torno a sectores concretos e estratéxicos para aproveitar as capacidades e impulsar o potencial tecnolóxico do tecido industrial galego.

O conselleiro asegurou que, coa posta en marcha destas medidas, alcanzaranse os 10.400 traballadores vinculados á I+D (mil máis que en 2016), duplicarase a porcentaxe de gasto en I+D, chegarase ás mil empresas con actividades innovadores e aumentará o gasto empresarial en innovación ata os 600 millóns de euros.

Pola súa parte, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, indicou que os últimos datos coñecidos sobre a innovación nas empresas “son alentadores”, xa que mostran que as empresas galegas aumentan o seu esforzo innovador e o investimento nesta materia incrementouse un 9,3%. En concreto, destacou que as 900 empresas con actividades innovadoras rexistradas en Galicia realizaron un gasto en innovación tecnolóxica que superan os 500 millóns de euros, e no caso das empresas con actividades de I+D, Galicia presenta unha intensidade de innovación do 2,2%, por riba do 2% de media no conxunto de España.

Neste sentido, o titular de Facenda resaltou que Galicia dispón xa dun Plan de Innovación ambicioso que se enmarca perfectamente no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. “Esta estratexia está sendo útil para conseguir consolidar a recuperación económica de Galicia e un novo modelo de crecemento san, máis inclusivo e integrador”, incidiu.

Design4Innovation

Dentro dos obxectivos do Plan Galicia Innovación 2020, Conde subliñou a posta en marcha dunha iniciativa para poñer en valor o deseño como factor de innovación. Así, Gain colabora, xunto con varios socios europeos, na iniciativa Design4Innovation a través da que o Goberno galego lanza unha convocatoria, aberta ata o 8 de febreiro, na que se busca identificar casos de éxito de deseño na Comunidade. Cos seleccionados editarase unha publicación e os dous mellores participarán nunha exposición de deseño europeo que se celebrará no mes de abril en Valleta (Malta), Capital Europea da Cultura 2018.

Ademais, Conde destacou que o Plan nace coa intención de abrir o ecosistema galego aos principias polos innovadores do mundo, como Israel, destino ao que mañá acudirá unha misión comercial formada por unha vintena de empresas e centros tecnolóxicos encabezada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A misión posibilitará compartir con Israel os principais fitos de Galicia en materia de innovación como o polo tecnolóxico e industrial de Rozas, a primeira incubadora galega de novos fármacos con Janssen e a Fundación Kaertor; ou o coche autónomo e a aceleradora Business Factory Auto.