O Goberno galego aposta polo I+D+i a través do programa Conecta Peme e das axudas para equipar os centros tecnolóxicos

2017-12-28
  • O presidente da Xunta indica que ambas iniciativas mobilizarán un investimento público-privado de 63 millóns de euros
  • Di que Conecta Peme prevé mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos nos que se estima que participarán unhas 250 pemes
  • Indica que as iniciativas de colaboración deben ter un orzamento de entre 500.000 e 1,5 millóns de euros e ser desenvolvidas por entre 3 e 6 empresas
  • En canto ás axudas para os centros tecnolóxicos, sinala que se poderán adquirir equipos científicos e técnicos, ademais de programas e aplicacións informáticas especializadas cuxo importe de compra sexa dun mínimo de 100.000 euros

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o visto e prace por parte do Consello da Xunta a dúas iniciativas para seguir impulsando un crecemento económico baseado no I+D+i, que mobilizarán un investimento público-privado de 63 millóns de euros: a nova edición do programa Conecta Peme e as axudas para o equipamento dos centros tecnolóxicos.

Segundo o máximo responsable autonómico, o programa Conecta Peme, destinado a financiar proxectos empresariais de I+D+i en cooperación entre pequenas e medianas empresas, prevé mobilizar 50 millóns de euros en 70 proxectos nos que se estima que participarán unhas 250 pemes. Os proxectos aprobados desenvolveranse ata 2020 e prevese que xeren máis de 100 postos de traballo.

O orzamento que achega a Xunta ascende a 27 millóns de euros, un 8% máis que na convocatoria anterior. Pola súa banda, as iniciativas de colaboración deben ter un orzamento de entre 500.000 e 1,5 millóns de euros e ser desenvolvidas por entre 3 e 6 empresas. Neste senso, valorarase positivamente que participe nelas un organismo de investigación.

A intensidade das axudas depende do tamaño da empresa: as pequenas poderán recibir entre o 50 e o 80% do seu investimento, segundo o tipo de proxecto; as medianas, entre o 50% e o 75%; e as grandes, entre o 15% e o 65%.

Como sinalou Feijóo, as principais novidades desta convocatoria serán: máis puntuación para os proxectos que creen máis traballo e manteñan o seu persoal en Galicia; maior valoración para aqueles proxectos máis próximos ao mercado; e a introdución dunha limitación sobre o número de proxectos nos que pode participar unha mesma empresa.

O titular do Goberno galego lembrou que, desde a súa posta en marcha en 2013, Conecta Peme apoiou investimentos por valor de máis de 100 millóns de euros en proxectos de cooperación nos que participaron preto de 520 empresas.

Axudas centros tecnolóxicos

No tocante aos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación, Feijóo puxo en valor a nova iniciativa da Xunta para que poidan adquirir infraestruturas de alta calidade. Deste xeito, prevese que a axuda pública de 6,5 millóns de euros estimule un investimento privado do mesmo importe, polo que en total se mobilizarían 13 millóns de euros.

Ao abeiro desta axuda, poderanse adquirir equipos científicos e técnicos, ademais de programas e aplicacións informáticas especializadas. O importe de compra debe ser dun mínimo de 100.000 euros.

Este equipamento axudará a mellorar a excelencia investigadora e a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo, pois permitirá poñer a disposición das pemes galegas as capacidades dos centros tecnolóxicos.