A Xunta salienta que o coñecemento e o talento son claves para a industria do futuro

2017-11-08
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou estes dous valores na súa intervención no marco da xornada ‘Galicia 4.0, camiño cara unha industria intelixente’, organizada polo Club Financeiro de Santiago, en colaboración co Igape e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD)
  • Argerey explicou os instrumentos do seu departamento para incrementar a competitividade do tecido industrial galego e avanzar cara á Industria 4.0
  • Sinalou que a nova convocatoria da Fábrica Intelixente, dotada con 18,2 millóns de euros, abrirase ás pequenas empresas

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, reiterou esta mañá a aposta da Xunta pola innovación como piar fundamental dun cambio de modelo produtivo cara unha economía baseada no coñecemento e o talento.

Puxo en valor esta mensaxe no marco da mesa redonda Camiño cara unha industria intelixente en Galicia. Persoas e tecnoloxías, que tivo lugar na xornada Galicia 4.0, camiño cara unha industria intelixente, organizada polo Club Financeiro de Santiago, en colaboración co Igape e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Na rolda de debate participaron tamén Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG); e Manuel Gens, director da empresa Gens Digital Incorporated S.L.

Argerey lembrou que o tecido empresarial ten que avanzar cara á Industria 4.0 para ser máis competitivo e diferenciarse. A directora de Gain puxo dous exemplos de empresas que xa están traballando nesta transformación tecnolóxica, nos sectores do naval e da automoción, e reafirmou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a impulsar diversos instrumentos para que sexan moitas máis as empresas que se unan a este novo modelo industrial.

Por un lado, puxo en valor a nova convocatoria de Fábrica Intelixente, que se atopa na actualidade na fase de recollida de expresións de interese para desenvolver proxectos de I+D+i estratéxicos. As manifestacións que se reciban servirán para definir as características dunha nova convocatoria, dotada con 18,2 millóns de euros, que presentará novidades respecto da de 2016, no sentido de abrila tamén ás pequenas empresas e incorporar proxectos de innovación, ademais de I+D+i.

Argerey tamén referiuse ás Unidades Mixtas de Investigación para favorecer a cooperación entre centros de coñecemento e empresas para desenvolver proxectos en sectores estratéxicos para Galicia, e aos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), préstamos desenvoltos en colaboración co Igape, co obxectivo de apoiar plans no ámbito da Industria 4.0, iniciativas de emprendedores e proxectos innovadores de pemes.

Por último, a directora de Gain reiterou a aposta polo talento como clave para acadar unha economía do coñecemento e lembrou que o seu departamento conta con varios programas para reter talento en Galicia, non só nas universidades e centros de coñecemento, senón tamén nas empresas.

Estas iniciativas estás enmarcadas no reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2014-2020, que persegue incrementar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega, a través dun aumento da súa intensidade tecnolóxica, a súa diversificación, especialización e innovación en procesos e produtos. Precisamente foi neste reto no que se levan investido preto do 75% das axudas concedidas desde a aprobación da RIS3 a finais de 2013.