A empresa ourensá Edesvev emprega os procesos da fábrica intelixente para a produción de próteses dentais

2017-11-02
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitaron a compañía, que utiliza a tecnoloxía aditiva nas súas instalacións do polígono de San Cibrao das Viñas
  • A firma, en pleno proceso de expansión internacional, ofrece aos seus clientes maximizar a súa produtividade beneficiándose de técnicas innovadoras de deseño e fabricación

San Cibrao das Viñas (Ourense), 2 de novembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaron as instalacións da empresa galega Edesdev, situada no polígono industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense), para coñecer o traballo que a empresa ourensá está a desenvolver no sector da fabricación de pezas mediante tecnoloxía aditiva, fundamentalmente no sector dental, no que é líder europeo na fabricación de próteses dentais en cromocobalto a través da súa marca comercial Sineldent, e atópase actualmente en pleno proceso de expansión internacional.

Edesdev presenta un modelo baseado na Industria 4.0, o novo modelo industrial que a Xunta aspira a implantar en Galicia a través da innovación. Neste sentido, a empresa ourensá emprega tecnoloxías de vangarda da denominada fábrica intelixente, como a impresión 3D, de xeito que os seus clientes poidan maximizar a súa produtividade beneficiándose das vantaxes de técnicas innovadoras de deseño e fabricación.

As vantaxes que ofrece a tecnoloxía aditiva na fabricación de pezas para a industria son varias: permite fabricar pezas con tecnoloxía complexa dunha soa vez, sen partes e sen ensamblaxes posteriores; diminuír o peso das pezas e os custos de fabricación, entre outras. No entanto, esixe un gran coñecemento para o seu uso.

Esta tecnoloxía, ademais de empregarse na fabricación de pezas dentais, tamén se está a utilizar no sector aeroespacial para a fabricación de moitas pezas das aeronaves. Estímase que en poucos anos un gran número de pezas dun avión se fabricarán deste xeito.