Conde salienta que o traballo en equipo está permitindo á automoción galega anticiparse aos novos escenarios

2017-09-06
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, basea o crecemento do sector no talento, apuntando que a “automoción en Galicia é un modelo a seguir, xerando un ecosistema de innovación”
  • A futura Lei de implantación empresarial busca converter á comunidade na que dá máis facilidades para poder investir
  • A simplificación administrativa, o acceso ao solo industrial e a redución da fiscalidade centran a norma, que se prevé aprobar en outubro
  • Pola tarde está prevista unha visita á Business Factory Auto, que mobilizará 20 millóns ata 2020 apoiando proxectos emprendedores ata a súa consolidación

O Porriño (Pontevedra), 6 de setembro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou hoxe que a automoción galega ten que ser capaz de dar resposta antes e mellor que os competidores aos retos da mobilidade do futuro. Para iso, sinalou, Galicia conta cun equipo liderado por PSA e do que forman parte a Xunta, o clúster Ceaga, os centros de coñecemento co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) á cabeza e as propias empresas, unha cooperación que está permitindo á industria galega anticiparse aos novos escenarios e potenciar a súa experiencia e capacidade para competir.

Conde, que interviu na sede do CTAG no Innovation Meeting no que tamén participaron o Grupo PSA e a Dirección General de Tráfico (DGT), fixo fincapé en que o sector foi un dos primeiros en recuperarse e crear postos de traballo, e conseguiu proxectos clave de futuro como o K9 e o V20, que garanten emprego para os próximos dez anos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que, segundo os datos do propio clúster, a automoción galega incrementou en 2016 nun 4% o emprego, ata chegar aos 19.850 empregos directos; aumentou a súa facturación nun 10%, ata os 8.350 millóns de euros, e elevou o seu investimento en I+D+i nun 45%.

O conselleiro sinalou que o talento forma parte do ADN da automoción galega, e centra a súa estratexia para a consolidación e o crecemento. Así mesmo, destacou o responsable de Economía, Emprego e Industria que nos últimos anos a aposta pola innovación vai da man da Industria 4.0 e dos avances das tecnoloxías dixitais. Neste ámbito, tal e como lembrou Conde, o sector está liderando a transformación da industria galega, sinalando “o sector da automoción en Galicia é un modelo a seguir, xerando un ecosistema de innovación”.

Neste ámbito están a desenvolverse oito Unidades Mixtas de Investigación vinculadas á automoción, os 21 proxectos de innovación a través do programa Conecta Peme, o proxecto 4.0 liderado por Ceaga e a Business Factory Auto, na que están implicados todos os axentes da automoción galega.

Todas estas iniciativas, incidiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, deixan de manifesto que a industria tractora, as empresas de compoñentes e os centros de coñecemento traballan desde a unidade de acción para poñer á automoción galega á cabeza da innovación europea. Conde lembrou neste ámbito o compromiso firme da Xunta, apostando por esta industria con iniciativas que buscan consolidar Galicia como unha terra de oportunidades.

É aí onde se enmarca a futura Lei de Implantación Empresarial, que busca favorecer a captación de investimentos e a creación de emprego de calidade. O texto, que se prevé aprobar en outubro, ten como principais obxectivos a simplificación administrativa, o acceso ao solo industrial e a redución da fiscalidade.

Nestes momentos estanse a recoller as propostas e melloras dos diferentes axentes económicos e sociais, co obxectivo de contar coa mellor norma posible que converta a Galicia na comunidade autónoma que dá máis facilidades para poder investir. O sector da automoción está chamado a ser un dos grandes beneficiarios desta Lei, que se espera que supoña un importante paso na consolidación e crecemento da industria galega.

Business Factory Auto

Pola tarde, no marco do Innovation Meeting está prevista unha visita a Ceaga para coñecer os proxectos desenvoltos na Business Factory Auto, unha aceleradora de emprendemento pioneira que apoia as iniciativas ata a súa consolidación, o que permitirá mobilizar investimentos superiores aos 20 millóns de euros ata 2020 para que a automoción galega siga á vangarda, apostando pola innovación e a Industria 4.0.

Os nove proxectos participantes na primeira edición achegan propostas concretas que dan resposta aos diferentes retos do futuro da mobilidade. A partir de outubro poñerase en marcha a segunda edición, na que participarán un máximo de 10 proxectos na fase de aceleración, e 10 na fase de consolidación.