A Xunta destaca que VíaGalicia exemplifica o compromiso que existe en Galicia polo emprendemento innovador

2017-08-08
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visita cinco iniciativas desta aceleradora que están a traballar nos viveiros industriais do parque empresarial Porto do Molle, en Nigrán
  • O Goberno galego, xunto co Consorcio Zona Franca de Vigo, vén de convocar a quinta edición da aceleradora VíaGalicia, cuxo prazo de presentación permanece aberto ata o 29 de setembro e na que se investirán 2,65 millóns de euros
  • VíaGalicia, activada en 2013 e na que teñen participado máis de 120 proxectos, forma parte da rede de acelerados da Xunta que, desde hai catro anos, impulsou máis de 500 iniciativas

Nigrán (Pontevedra), 8 de agosto de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, destacou esta mañá en Nigrán, durante a visita a cinco das iniciativas de VíaGalicia que están a traballar nos viveiros industriais de Porto do Molle, que esta aceleradora apoiada pola Xunta exemplifica o compromiso que existe na Comunidade por impulsar o emprendemento innovador e por contribuír, deste xeito, ao fortalecemento do tecido industrial e empresarial galego.

Sinalou que tanto a aposta polo emprendemento como pola innovación son dúas das claves para conseguir unha Galicia máis competitiva, favorecendo así a creación de emprego de calidade e a posta en marcha de novas solucións deseñadas desde a Comunidade para calquera lugar do mundo. Neste sentido, subliñou que Galicia quere consolidarse como unha terra de oportunidades e un ecosistema innovador.

A directora, que asistiu acompañada da delegada do Consorcio de Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, e do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, puido coñecer de primeira man o traballo que están a realizar os emprendedores de Calabizo, Dika, Help Flash, Idawen e Resetea en sectores tan diferentes como a alimentación, o automóbil, a seguridade, o téxtil ou a reciclaxe.

Patricia Argerey lembrou que ata o 29 de setembro os interesados en participar na quinta edición de VíaGalicia, unha iniciativa realizada pola Axencia Galega de Innovacion xunto co Igape e XesGalicia en colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo e Vigo Activo, poden presentar os seus proxectos para ser un dos 15 seleccionados que accederán á aceleración das súas iniciativas. O programa, que ofrece acompañamento na maduración, financiamento e posta en marcha dos proxectos, conta cun investimento de 2,65 millóns de euros.

VíaGalicia activouse en 2013 e, desde entón, investíronse preto de 6,4 millóns de euros e apoiáronse máis de 120 proxectos, dos que 54 xa son realidades empresariais. Unha das novidades desta edición é que aos 15 proxectos seleccionados se sumarán outros dous procedentes das fases de Academia das anteriores edicións.

Tal e como sinalou a directora de GAIN, VíaGalicia enmárcase no programa de aceleración de empresas innovadoras, un dos instrumentos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), xunto con aceleradoras como Agrobiotech, Galicia Open Future, Connecting for Good Galicia ou a Business Factory Auto. A través desta rede de aceleradoras, xa se levan impulsado máis de 500 proxectos nos últimos catro anos.

Proxectos

Durante a visita, Patricia Argerey mantivo reunións cos emprendedores para coñecer o avance dos seus traballos. Así, a iniciativa Calabizo adícase á elaboración de chourizos de cabaza, un produto 100% vexetal, con sabor e aspecto de chourizo tradicional. Pola súa parte, Dika permite aos talleres a limpeza automática do sistema de control de emisións contaminantes dos vehículos de xeito respectuoso co medio ambiente.

O proxecto Help Flash está centrado na mellora da seguridade viaria cun sistema de luz de emerxencia que facilita a sinalización dun vehículo de xeito máis rápido e seguro. Idawen é unha marca de moda deportiva que utiliza avanzada tecnoloxía e aposta pola funcionalidade dos seus deseños; mentres que Resetea crea e comercializa produtos sustentables obtidos a partir da reutilización e reciclaxe de residuos.

Patricia Argerey felicitou aos integrantes dos proxectos pola súa aposta polo emprendemento innovador e destacou que un dos principais obxectivos do Goberno galego é conseguir que as boas ideas se convertan en realidade e non se queden sen executar, poñendo ao seu alcance todos os recursos cos que conta a Administración para que consigan os seus obxectivos.