Conde sinala que a futura Lei de implantación empresarial favorecerá a captación de investimentos e o emprego de calidade

2017-07-28
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliña que a norma afondará na simplificación administrativa, o acceso ao solo industrial e a redución da fiscalidade empresarial
  • Apunta que os emprendedores son clave para xerar riqueza e emprego, especialmente no ámbito rural, e destaca apoios como a Rede Galega de Aceleradoras e instrumentos financeiros como o programa Galicia Emprende
  • Destaca a formación e o asesoramento que se achega a través de iniciativas como o ‘coworking’ de Celanova, en cuxa nova convocatoria un total de 35 emprendedores están preparándose xa para converter en realidade os seus proxectos

Celanova (Ourense), 28 de xullo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na presentación da segunda edición do coworking de Celanova (Ourense) que a futura Lei de implantación empresarial que favorecerá a captación de investimentos e o emprego de calidade.

Tal e como explicou o conselleiro, a norma afondará na simplificación administrativa, reducindo á metade os prazos para a tramitación dos proxectos empresariais e axilizando así a súa posta en marcha. Do mesmo xeito, favorecerá o acceso ao solo industrial en condicións vantaxosas e a construción de parques á medida a través de proxectos de urbanizacións parciais, ademais de facilitar o pago aprazado e sen xuros na compra de solo público.

Ademais, avanzarase na redución da fiscalidade empresarial, a través de incentivos ás compañías para asumir tributos autonómicos; e de incentivos para os concellos, a través do convenio proposto pola Xunta á Fegamp. Coa iniciativa que se está a tramitar, tamén se dará resposta ás necesidades de sectores produtivos concretos mediante a modificación de máis dunha decena de leis.

O conselleiro apuntou que con esta norma o Goberno galego busca ser unha administración facilitadora para que triunfe o talento, a innovación e a aposta polo emprego de calidade. Algo que, tal e como sinalou, non sería posible sen os emprendedores, cuxo traballo e esforzo é clave para dinamizar a economía, especialmente no ámbito rural.

Por iso, tal e como remarcou, a Xunta achégalles diferentes ferramentas centradas en ámbitos como a formación e o asesoramento, a través da Rede Galega de Aceleradoras, dentro da cal se inclúe o coworking de Celanova e un novo especializado no sector forestal que se está poñendo en marcha no CIS Madeira, situado en San Cibrao das Viñas, ambos en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

No marco da segunda edición do coworking de Celanova, un total de 35 emprendedores están a recibir formación e asesoramento especializados para acelerar a posta en marcha dos 22 proxectos seleccionados. Súmanse ás 19 iniciativas empresariais que completaron o seu proceso de formación e asesoramento ao abeiro da primeira edición.

Na súa intervención, Conde apuntou os esforzos por facilitar o acceso ao financiamento, con accións como o Galicia Emprende e o Galicia Rural Emprende, que no seu conxunto suman este ano 7,5 millóns de euros, o que supón duplicar as axudas directas para iniciativas de emprendemento, e o programa Galicia 1000, que inclúe os fondos de capital risco de XesGalicia.