A Xunta impulsa con 3,2M€ a competitividade e a captación de talento nos centros de coñecemento galegos

2017-07-13
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha contratos programa para favorecer a consolidación e a potenciación de liñas estratéxicas de investigación nos centros tecnolóxicos e de apoio á investigación, fundacións sanitarias, no CSIC e no Instituto Español de Oceanografía
  • Este tipo de apoios achega financiamento estable e promoverá a excelencia científico-técnica e a posta en valor da investigación, ao tempo que impulsa a colaboración co tecido empresarial
  • Os centros beneficiados empregan a máis de 1800 persoas, realizan anualmente máis de 700 proxectos de I+D+i e prestan servizo a máis de 2500 empresas

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina 3,2 millóns de euros para impulsar a competitividade e a captación e retención de talento nos oito centros tecnolóxicos galegos e de apoio á innovación nas fundacións sanitarias, así como no Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e no Instituto Español de Oceanografía (IEO).

Estes apoios póñense en marcha a través de contratos programa, que achegan financiamento estable vinculando a achega pública aos resultados obtidos por cada centro en transferencia de coñecemento ou captación de fondos competitivos.

Por unha banda, en xuño activouse unha convocatoria cunha dotación de 1,87 millóns de euros, destinada aos seis centros tecnolóxicos galegos e dous centros de apoio á innovación recoñecidos pola súa excelencia no rexistro estatal do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade. Estes centros son Aimen, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energylab, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) e o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua).

De forma paralela, a Consellería destina 1,34 millóns de euros á sinatura de contratosprograma cos centros de investigación sanitaria da Fundación de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez; a Fundación Profesor Novoa Santos, a Fundación Biomédica Galicia Sur, e a fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, así como cos centros galegos do Instituto Español de Oceanografía e do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Promóvese así a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento, impulsando tamén a colaboración co tecido empresarial para potenciar o impacto na competitividade das empresas e o crecemento da economía galega. Ademais, a través dos contratos programa axúdase aos diferentes centros a orientar a súa estratexia a medio prazo e potenciar as principais liñas de investigación.

Esta actuación encádrase na Estratexia de especialización intelixente (RIS3), e ten como finalidade a consolidación dos centros de coñecemento a través do funcionamento dos seus gastos estruturais.

Os centros beneficiados empregan a máis de 1.800 persoas, realizan anualmente máis de 700 proxectos de I+D+i e prestan servizo a máis de 2.500 empresas. Os contratos programa son unha fórmula que garante a súa competitividade e que implica o cumprimento de exixentes indicadores de xestión e de resultados por parte de cada centro para determinar as súas dotacións. Configúranse así como unha vía con gran potencial para a atracción e retención de talento mediante actuacións centradas no capital humano, na liña de programas como o Oportunius ou o Principia.