Conde aposta pola contratación de persoal cualificado para impulsar a innovación e anuncia a segunda edición de Principia

2017-06-19
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visita no Porriño as instalacións do centro tecnolóxico Aimen para coñecer os avances das catro Unidades Mixtas de Investigación que promove
  • A Xunta investirá máis dun millón de euros na segunda convocatoria do programa Principia co obxectivo de que as empresas creen 100 novos postos de traballo cualificados para a realización de actividades de innovación
  • A convocatoria, que se publicará este xoves, día 22 de xuño, primará a contratación indefinida, que as empresas ofrezan plans de formación e inclúe entre as novidades aos titulados en FP

O Porriño (Pontevedra), 19 de xuño do 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou pola contratación de persoal cualificado para impulsar a I+D+i galega, durante a visita que realizou ao centro tecnolóxico Aimen para coñecer os avances das catro Unidades Mixtas de Investigación que promove este centro con Copo, Wärtsila Ibérica e GKN Driveline. “O modelo está funcionando, temos que seguir apostando polos centros tecnolóxicos, o talento, e a incorporación de novos mozos xa que está permitindo un maior investimento do sector privado”, asegurou.

Nesta liña, Francisco Conde anunciou a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), este xoves, 22 de xuño, da segunda convocatoria do programa Principia, orientado á contratación de investigadores novos por parte de empresas e organismos para facer do capital humano o factor diferencial das empresas e centros de coñecemento nos procesos para impulsar a súa innovación e competitividade.

Tal e como explicou o conselleiro, a Xunta investirá máis dun millón de euros co obxectivo de crear 100 novos postos de traballo cualificados nos que se primará a contratación indefinida e que as empresas ofrezan plans de formación. Tamén como principais novidades, incluirá a titulados de FP, mellores condicións salariais e unha maior simplificación administrativa. Os interesados, contarán cun prazo dun mes para presentar as súas solicitudes. Na anterior edición deste programa pioneiro, 33 empresas e organismos de investigación realizaron un total de 80 contratacións.

Por outra parte, Conde valorou os avances das catro unidades mixtas que Aimen promove en sectores estratéxicos para a Comunidade, xa que 3 pertencen á automoción e unha ao naval, e que están permitindo que a industria galega desenvolva proxectos pioneiros e innovadores. Estas catro Unidades Mixtas mobilizan preto de 14 millóns de euros, contan cun apoio da Xunta de 4,1 millóns e contribúen a crear 70 postos de traballo.

O conselleiro destacou o traballo punteiro que se está a desenvolver desde Aimen, un centro tecnolóxico que conta con 87 empresas e que na última década desenvolveu 650 proxectos e conseguiu 17 patentes. Conde subliñou que o traballo de Aimen encaixa co modelo de colaboración entre centros de coñecemento e empresas que a Xunta está a apoiar: “Estamos a traballar para mellorar a competitividade do noso tecido produtivo, Galicia ten que diferenciarse pola innovación e a simbiosis de industria e centros de coñecemento”, asegurou e referiuse á mellora dos procesos produtivos que implica o desenvolvemento da Industria 4.0 tanto á hora de impulsar a competitividade das empresas galegas como para a captación de investimentos.