Galicia expón a súa experiencia en contratación pública da innovación na conferencia internacional IGL2017

2017-06-14
  • A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia foi seleccionada por ser un referente a nivel estatal en Compra Pública Innovadora (CPI)
  • A Civil UAVs Initiative vén de ser destacada no Informe COTEC 2017 como exemplo de xestión e implementación da CPI en España
  • O polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados de Rozas está mobilizando 150 millóns de euros e creando 120 empregos de calidade

Barcelona, 14 de xuño de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou esta mañá en Barcelona nun workshop sobre Como xestionar con éxito un proxecto de Compra Pública Pre-comercial (CPP) e/ou Compra Pública de Innovación (CPI) no marco do Innovation Growth Lab 2017 (IGL2017), unha conferencia internacional sobre políticas de innovación que reúne a responsables políticos, investigadores e fundacións de todo o mundo para amosar e debater as últimas tendencias en políticas de innovación, emprendemento e crecemento. O IGL2017 está organizado por Nesta, a fundación para a innovación do Reino Unido, en colaboración coa Kauffman Foundation, o Grupo Banco Mundial, a Fundación COTEC, a Fundación la Caixa e Banco de Desenvolvemento Interamericano.

A Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria foi seleccionada para expor o seu caso de contratación pública de innovación, en concreto o proceso de contratación dos socios tecnolóxicos da Civil UAVs Initiative, a iniciativa da Xunta de Galicia para desenvolver un polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados en Galicia, por ser líder neste ámbito a nivel estatal. De feito, recibiu o Premio Nacional de Innovación 2016 na categoría de Compra Pública Innovadora por esta iniciativa.

Así mesmo, o Informe COTEC 2017, presentado o pasado luns, destaca como exemplo significativo de xestión e implementación da CPI en España a aposta da Xunta de Galicia por este mecanismo, en concreto a Civil UAVs Initiative, na que a través dun investimento inicial de 40 millóns de euros de fondos propios do Goberno galego, está a impulsar o desenvolvemento dun polo tecnolóxico en avións non tripulados coa CPI como instrumento clave.

A estes 40 millóns de euros, cómpre sumar os 10 millóns investidos en infraestruturas (o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas-CIAR); os 24 millóns destinados a adquirir solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas no uso de UAVs para mellorar a prestación de determinados servizos públicos competencia da Xunta de Galicia (a través dun convenio co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade) e os 75 millóns de euros procedentes de fondos privados que se están a investir no Programa de I+D da iniciativa. En total, 150 millóns de euros de investimento público-privado.

Resultados e factores clave da iniciativa

Despois de contextualizar a iniciativa e plantexar dous temas de discusión ao grupo (como atraer as ofertas de grandes compañías aeronáuticas e como recibir unha proposta con impacto real na Comunidade), Argerey expuxo os resultados que xa se teñen acadado a través da Civil UAVs Initiative e explicou os factores clave do seu éxito.

No tocante aos resultados acadados, Patricia Argerey destacou o compromiso dos dous socios tecnolóxicos de subcontratar a 30 axentes do sistema galego de innovación, dos que actualmente xa teñen contratado 15; o investimento de 24 millóns de euros nestas contratacións e a creación, xa, de 120 empregos de calidade.

Por outro lado, expuxo que o desenvolvemento exitoso desta iniciativa debeuse en grande medida a varios factores clave: en primeiro lugar, o carácter estratéxico da actuación na que se implicou todo o Goberno galego; a implicación dos servizos xurídicos da Xunta de Galicia e a capacidade de superar os obstáculos dun proceso complexo coma este; a capacidade de adaptación da Administración a medida que o proceso ía avanzando; e, finalmente, a demostración de que a contratación pública tamén é susceptible de ser innovadora e producir un cambio de cultura na Administración e nos empregados públicos.