A Unidade Mixta de Cinae e Aistech desenvolverá en Galicia a tecnoloxía para o deseño e fabricación de 25 nanosatélites

2017-05-18
  • Con esta, xa son 24 as Unidades Mixtas creadas co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de captar investimento privado en I+D+i para Galicia e favorecer a cooperación entre as empresas e os centros de coñecemento

Nigrán (Pontevedra), 18 de maio de 2017.- Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), participou esta mañá na presentación da Unidade Mixta de Investigación “A fábrica do futuro aplicada ao desenvolvemento dunha constelación de satélites de observación, comunicacións e control marítimo e aéreo”, impulsada polo Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE) e a empresa Aistech Space S.L co apoio da Xunta de Galicia.

Esta Unidade Mixta de Investigación, creada a finais de 2016 e que prevé mobilizar 2,3 millóns de euros ata 2019 cunha axuda do 30% por parte da Axencia Galega de Innovación, ten como obxectivo desenvolver a tecnoloxía necesaria para o deseño e fabricación dunha constelación de satélites aplicando técnicas da Industria 4.0. ou fabricación avanzada.

Aposta polo sector aeronáutico e aeroespacial

No acto, no que tamén participou o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, Patricia Argerey destacou que se trata da única Unidade Mixta creada ata o momento no ámbito aeroespacial e que persegue diversificar o noso tecido industrial.

Esta iniciativa busca situar a Galicia á vangarda da industria aeroespacial, un sector con gran proxección de futuro, e contribuír a transformar a economía galega nunha economía cuxo crecemento se fundamente no coñecemento e na innovación. O impulso da Xunta a esta industria estase a materializar non só a través do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, senón de convocatorias de axudas como Conecta Peme ou de aceleradoras como ViaGalicia, que apoia especificamente proxectos deste ámbito.

No cumprimento deste obxectivo, a directora de GAIN destacou o papel fundamental desta Unidade na medida en que pretende desenvolver a tecnoloxía necesaria para o deseño e fabricación dunha constelación de satélites optimizando a calidade e fiabilidade dos procesos aplicando técnicas da Industria 4,0; beneficiar outros sectores da economía galega, especialmente aos sectores primarios, a través da prestación de servizos de alto valor engadido como o control do tráfico aéreo e marítimo, control de verteduras, control de incendios, etc.; e, por último, aproveitar o coñecemento e experiencia dos centros de coñecemento galegos para transferilo ao tecido industrial.

Con esta, son xa 24 as Unidades Mixtas de Investigación impulsadas pola Xunta de Galicia, que están a mobilizar 84 millóns de euros cunha inxección de fondos públicos de 23 millóns. Precisamente hoxe informouse no Consello da Xunta da nova convocatoria para a creación e consolidación de Unidades Mixtas de Investigación, que prevé mobilizar 17 millóns de euros e a creación de 60 empregos cualificados.

As Unidades Mixtas de Investigación son centros de innovación mixtos, formados por organismos de investigación e empresas, que teñen como obxectivo atraer capital privado á I+D+i en Galicia, captar e reter talento, impulsar a cooperación entre centros de coñecemento e empresas, favorecer a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial e atraer empresas foráneas cun compromiso a longo prazo.