Conde destaca a colaboración institucional como motor para promover a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico

2017-05-03
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado do director do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), Francisco Marín, participa na xornada Financiamento da I+D+i empresarial que se celebrou en Santiago de Compostela
  • Indica que a cooperación co CDTI permitiu o desenvolvemento de 380 proxectos en Galicia cun investimento de 259 millóns de euros nos últimos cinco anos
  • Salienta que o programa FEDER Innterconecta creou o marco idóneo para afondar na fórmula de innovación aberta mediante consorcios

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a importancia da cooperación institucional para promover a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico nas empresas galegas, durante a xornada Finaciamento da I+D+i empresarial, celebrado esta mañá en Santiago de Compostela.

Neste sentido agradeceu a Francisco Marín, director do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), dependente do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, a cooperación coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) que permitiu, nos últimos 5 anos, desenvolver na Comunidade 380 proxectos de innovación en empresas cunha aportación de 259 millóns de euros. “O noso deber como goberno é facilitar o camiño ás pemes que queiran apostar pola I+D+i e poñer todos os instrumentos posibles ao seu alcance”, afirmou Conde mentres que Marín apostou polo binomio internacionalización e innovación para mellorar a competitividade das empresas galegas.

O conselleiro avanzou que se está a traballar conxuntamente para estender o mapa de apoios á maior parte de empresas e centros tecnolóxicos de Galicia e informou de que a xestión coordinada das axudas autonómicas, estatais e europeas permitiu configurar unha fiestra única para o empresario, emprendedor e investigador.

Tanto Conde como Marín destacaron o papel do programa FEDER Innterconecta que en 2015 e 2016 fixo de Galicia a segunda Comunidade Autónoma por volume de fondos obtidos cun total de 63 millóns de euros. Este programa contou coa participación de 565 empresas, en 172 proxectos e mobilizou 300 millóns de euros. Segundo Conde esta convocatoria supuxo un antes e un despois en canto a iniciativas de innovación público-privadas creando o marco idóneo para afondar na fórmula da innovación aberta mediante consorcios.

O conselleiro explicou que todas as actuacións iniciadas no marco da RIS3 galega seguen a liña da experiencia da coordinación entre a Xunta e o CDTI. En concreto referiuse ás Unidades Mixtas, ao programa Oportunius e ao Conecta Peme que nas súas tres convocatorias mobilizou 100 millóns de euros a través de 133 proxectos nos que participaron 518 empresas.

Francisco Marín puxo de relevo que o CDTI vén realizando unha activa labor para informar e asesorar a aquelas compañías con inquedanzas innovadoras e destacou o espírito emprendedor que manifestan moitas das empresas galegas. De feito, sinalou que Galicia é a quinta comunidade con maior número de proxectos financiados por este centro.

Por outra banda adiantou que durante 2017 agardan mobilizar 1.700 millóns para a I+D+i española, 1.000 millóns de financiamento directo e uns 700 millóns procedentes de retornos dos programas de cooperación tecnolóxica internacional que coxestiona: “Confiamos en que este esforzo contribúa a consolidar o investimento en I+D+i como motor de crecemento e competitividade”, finalizou.