A Xunta destaca a importancia de aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas

2017-04-27
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe no acto do Día Internacional das rapazas nas TIC
  • O acto está dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC e ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2017.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a importancia de aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas mediante a súa incorporación aos estudos e profesións relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación.

Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe no acto do Día Internacional das rapazas nas TIC. Participou tamén a directora de Área de Sociedade Dixital da Amtega, Belén Ferreiro.

O acto que tivo lugar no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en Santiago, ten como obxetivo crear un ámbito mundial que empodere e motive as nenas e mulleres novas a considerar a posibilidade de seguir carreiras no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e segundo palabras da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella está dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia.

A directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Cesga, Patricia Argerey, animou ás rapazas a considerar as TIC entre as súas futuras opcións académicas e profesionais para afrontar os retos de innovación tecnolóxica que presentan as nosas empresas e institucións. Precisamente, consciente desta necesidade,o CESGA traballa desde o 2013 no proxecto educativo europeo “ICT-Go-Girls”, no que se inscribe esta xornada,cuxo obxectivo é impulsar a presenza das rapazas nas TIC e promover o seu emprendemento dende as aulas de primaria e secundaria.