Conde anuncia a posta en marcha do observatorio da Industria 4.0

2017-03-17
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago a unha xornada na que informou desta nova iniciativa incluída na Axenda Galicia-Industria 4.0
  • Xunta e Atiga desenvolverán un proxecto que permitirá elaborar o mapa actual da Industria 4.0 na comunidade galega e que contribuirá á posta en marcha deste Observatorio
  • A Axenda disporá os vindeiros dous anos dun 22% máis de orzamento, tras contribuír entre 2015 e 2016 á mobilización de 342 millóns de euros e á creación de 11.500 empregos
  • Destacou que o obxectivo é que a economía galega sexa máis competitiva para captar maior investimento produtivo e saír con éxito ao mercado internacional
  • Conde indicou a importancia de potenciar os plans formativos e puxo como exemplo os 12 millóns de euros que se destinan á formación especializada no sector naval

Santiago, 17 de marzo de 2017.- A Xunta e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) oficializaron hoxe o acordo de colaboración para a realización dun estudo sobre as oportunidades reais que ofrecen as novas tecnoloxías nos sectores produtivos de Galicia. Segundo explicou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, durante a xornada Oportunidades de desenvolvemento da Industria 4.0 en Galicia, celebrada na Cidade da Cultura de Santiago, trátase dun traballo de campo pormenorizado que axudará á posta en marcha do futuro Observatorio da Industria 4.0.

Conde explicou que a creación deste Observatorio é un dos obxectivos que recolle a Axenda Galicia-Industria 4.0 para os vindeiros dous anos, nos cales disporá dun 22% máis de orzamento, ata os 175 millóns de euros, para contribuír a que o impacto das novas tecnoloxías nas empresas galegas sexa aínda maior. Hai que ter en conta que nos dous anos que leva activada, esta folla de ruta mobilizou xa 342 millóns de euros e axudou a crear 11.500 empregos industriais.

Así, a través desta Axenda, a Xunta apoiou o financiamento de proxectos de investimento industrial; outorgou axudas para promover a eficiencia enerxética na industria por valor de 10,7 millóns de euros; axudou a impulsar proxectos innovadores nas pemes a través do programa Conecta Peme con 25 millóns de euros; e adxudicou máis de 700.000 metros cadrados en parques industriais con descontos de ata o 50% do prezo.

O conselleiro indicou que o proxecto de colaboración con Atiga permitirá elaborar o mapa actual da Industria 4.0 na comunidade e o grao de incidencia que empeza a ter a tecnoloxía dixital na industria galega. Concretamente, sinalou, axudará a identificar as oportunidades que ofrece a tecnoloxía en termos de custos e de produtividade nos dez sectores estratéxicos da economía de Galicia: a agroalimentación e a biotecnoloxía, a automoción, o naval, metalmecánico, o sector da madeira e forestal, o téxtil-moda, o aeronáutico, as enerxías renovables, as TIC e a pedra natural.

Innovar para ser máis competitivos e atraer máis investimento

Conde apuntou que o tecido industrial galego non será atractivo nin competitivo se non é capaz de innovar. E, neste sentido, destacou que é necesario que as empresas se adapten a este novo escenario tecnolóxico para competir a todos os niveis. O obxectivo común, dixo, é que a economía galega sexa máis competitiva para captar maior investimento produtivo e para saír con éxito ao mercado internacional.

Cara a esta dirección vai dirixido o Plan de captación de investimentos aprobado pola Xunta que inclúe, como media prioritaria, a Lei de fomento da implantación empresarial. Esta normativa permitirá simplificar e axilizar os trámites administrativos para a instalación de proxectos industriais no territorio galego e recollerá axudas e beneficios fiscais para o desenvolvemento da actividade empresarial, ademais de diversas medidas para revitalizar as áreas empresariais.

Este Plan de captación de investimentos tamén busca a colaboración cos concellos para publicitar a dispoñibilidade de solo industrial con opcións de desconto ou beneficios adicionais nas taxas municipais, así como as actuacións que se promovan desde a Xunta. E a nivel de asesoramento, impulsará a Oficina Doing Business como unha plataforma pública en liña que poderán utilizar os investidores e as empresas para ter unha interlocución directa coa Administración.

Conde tamén explicou que este novo contorno dixital na industria exixirá man de obra cualificada, polo que requirirá potenciar os plans de formación. Nesta liña, referiuse o aprobado onte polo Consello para a formación especializada no sector naval. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 12 millóns de euros entre este ano e o que vén para que desempregados e profesionais en activo poidan formarse en tarefas que requiren dunha maior especialización.

O conselleiro rematou expresando a súa confianza en que o estudo presentado hoxe sirva para que a Xunta e as empresas dispoñan dunha “folla de ruta clara e detallada” coa que poñer o rumbo acertado cara á Industria 4.0.