A Xunta apoia un proxecto innovador liderado pola empresa culinaria para garantir a seguridade alimentaria mediante intelixencia artificial
2026-08-05
Santiago, 30 de setembro de 2016.- Os conselleiros en funcións de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acudiron hoxe ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, na compaña do ministro de Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior de Portugal, Manuel Heitor, para presidir o acto institucional de presentación dos resultados científicos da colaboración establecida entre o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e o Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga (INL).
O acto contou, así mesmo, coa intervención do reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey; de José Castillo, director científico do IDIS, que presentou os aspectos científicos da colaboración entre o IDIS e o INL; e de José Rivas, director do Grupo de Investigación, Magnetismo e Nanotecnoloxía do IDIS, quen presentou os aspectos tácticos, pasados, presentes e futuros da cooperación entre estas dúas institucións. Tamén estivo presente o xerente de Xestión Integrada, Luis Verde Remeseiro.
Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade remarcou a aposta clara do seu departamento pola investigación biomédica e as ciencias da vida, e por impulsar os institutos de investigación sanitaria da nosa Comunidade, así como o seu traballo en rede e a súa colaboración con outras entidades nacionais e internacionais, neste caso Portugal e o seu INL.
Segundo Almuiña, a investigación sanitaria é un elemento necesario para o éxito de calquera estratexia que se propoña mellorar a saúde da cidadanía. Ademais, a integración da investigación coa práctica clínica garante unha maior calidade dos servizos de saúde e unha mellor e máis rápida implantación dos avances científicos na prevención, diagnóstico e tratamento das enfermidades. Tamén nun coidado máis ético e eficiente dos pacientes.
Nun sistema de saúde débense aliñar os obxectivos de I+D+i, os seus esforzos, recursos e talento coas necesidades non cubertas, e as preocupacións reais da organización. A tal efecto, resulta fundamental e básico o capital humano, os clínicos e investigadores. Eles son a clave —proseguiu Almuiña- para desenvolver unha investigación biosanitaria de calidade, como a que se está a facer en Galicia.
O titular da carteira sanitaria considera necesario continuar a desenvolver sistemas de xestión da investigación e a innovación biosanitaria, como o do IDIS, que faciliten que a organización se abra ao encontro con outros axentes de investigación e innovación, en particular empresas e institucións como o INL. So así, agregando as nosas fortalezas, poderemos afrontar esta oportunidade e crear en Galicia e no norte de Portugal un área de riqueza en torno ao sector biosanitario —concluiu-.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou, dentro desta colaboración entre a comunidade galega e o norte de Portugal, a posta en marcha da primeira Estratexia de especialización intelixente-RIS3 transfronteiriza, activada co obxectivo de mobilizar 360 millóns de euros ata 2020 para facer da innovación unha sinal de identidade da Eurorrexión e para acadar grandes retos, como o impulso da Industria 4.0 e o desenvolvemento de novas solucións avanzadas para a vida saudable baseada no envellecemento activo.
Conde indicou que as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental para que Galicia ocupe unha posición preferente nos sectores emerxentes, o que favorecerá que o tecido industrial galego se sitúe na vangarda da innovación e que se cree emprego de calidade.
Neste sentido, puxo como exemplo a colaboración entre a Xunta e o Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga para impulsar catro proxectos con universidades e centros tecnolóxicos galegos que teñen como obxectivo a identificación temperá de contaminantes na auga; a optimización dos beneficios das substancias bioactivas para mellorar o envellecemento activo; a prestación de servizos avanzados en probas médicas e ensaios clínicos para as industrias farmacéutica e biotecnolóxica; e o deseño de nanoestruturas para a diagnose e tratamento do cancro e do ictus.
Estes catro proxectos, apoiados pola Xunta con 3 millóns de euros, contribúen á creación de 40 empregos de alta cualificación e teñen como eixe vertebrador a nanotecnoloxía, un sector emerxente que favorecerá a captación de investimentos procedentes tanto de fondos europeos e de convocatorias públicas internacionais como de grandes empresas que ven en Galicia unha terra de oportunidades.
O profesor Castillo presentou os resultados da colaboración en investigación clínica, investigación básica e especialmente en investigación básica referida ao campo da nanotecnoloxía aplicada á saúde. Sinalou que 4.500 galegos e 16.500 portugueses presentan un ictus cada ano e a colaboración IDIS e INL permitiu desenvolver un biochip que posibilita detectar o risco de transformación hemorráxica dos ictus isquémicos. Así mesmo, desenvolvéronse nanoestruturas para o seguimento mediante resonancia magnética da terapia celular imprescindible para a recuperación de lesións cerebrais.
As metastasis son as responsables do 90% das mortes por cancro e conseguiuse desenvolver, —dixo-, perlas magnéticas para detectar células tumorais circulantes cunha eficacia entre o 12 e o 600% respecto a métodos tradicionais.
A pesar dos avances terapéuticos aínda morren un 40% dos pacientes con cancro, polo que cómpre identificar e desenvolver novos fármacos. A nosa colaboración identificou racimos atómicos de plata que xa amosaron eficacia en modelos de glioblastoma multiforme, un cancro moi maligno do cerebro, —concluiu-.
Pola súa banda, o profesor José Rivas centrouse nos aspectos da oportunidade e os retos que esta iniciativa común pode ofrecer á saúde, á sociedade e á economía da nosa autonomía, Presentou os ámbitos de actuación da nanotecnoloxía nos mercados, na seguridade e benestar social e puxo en relieve a pertinencia dunha acción común en Nanosaúde dentro dos programas europeos, nacionais e rexionais (Galicia-Norte de Portugal). En concreto, resaltou a traxectoria de colaboración que manteñen o Sergas e a USC co Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía dende o ano 2013, desenvolvendo con éxito un intenso traballo que cristalizou na consecución de dous proxectos de investigación de financiamento nacional e rexional e dos proxectos de ámbito europeo (H2020).
Finalmente, puxo de manifesto a conveniencia de fortalecer esta iniciativa coa participación activa de axentes do ámbito industrial, clínico, académico e das diversas administracións. Deste xeito, lograrase manter e incrementar as oportunidades e o nivel de excelencia esixido no ámbito da tecnoloxía asociada á economía do coñecemento e garantir que os resultados destes esforzos se traduzan en beneficios efectivos sociais, tecnolóxicos e económicos.