A Xunta presenta o Proxecto de envellecemento activo código 100 durante o encontro Biospain 2016 que se celebra en Bilbao

2016-09-28
  • Trátase dunha das feiras máis importantes no ámbito internacional do sector ciencias da vida, converténdose no encontro biotecnolóxico máis destacado do sector sur de Europa por número de reunións e de empresas
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Franciso Conde; e o de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitaron hoxe o stand de Galicia, que por primeira vez acode nunha única delegación formada por entidades e empresas galegas

Bilbao, 28 de setembro de 2016.- Os conselleiros de Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, Jesús Vázquez Almuiña e Francisco Conde, respectivamente, asistiron hoxe a Biospain 2016, que se celebra en Bilbao ata o próximo venres, 30 de setembro, e no que por primeira vez unha delegación formada por entidades públicas e empresas galegas acoden de maneira conxunta a este encontro biotecnolóxico de referencia internacional. “Viñemos da man ás Consellerías de Economía, Emprego e Industria e a de Sanidade, as empresas e as universidades, xa que xuntos somos máis fortes”, destacou Almuiña durante a visita ao stand de Galicia.

Durante a presenza nos actos previos ao comezo de Biospain 2016, unha das feiras máis importantes no ámbito internacional do sector ciencias da vida, e o encontro biotecnolóxico máis destacado no sur de Europa por número de reunións e de empresas, Almuiña indicou que Sanidade ten aberta a etapa de consultas do Programa de Innovación en Saúde Código 100, que, cun orzamento de 13 millóns, está dirixido ao envellecemento poboacional para optimizar a resposta do sistema sanitario público á demanda dos usuarios. Esta etapa de consultas ao mercado pretende captar ideas de pacientes, profesionais e empresas do sector.

O Sergas conta para esta iniciativa co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, que achegará 10,4 millóns de euros dentro do Programa Operativo Plurirrexional FEDER de Crecemento Intelixente 2014-2020 (POCint). Os 2,6 millóns restantes asúmense ao 50% entre o Sergas e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou o potencial que presenta a biotecnoloxía en Galicia para facer de panca do I+D+i nos principais sectores estratéxicos da economía galega, impulsando a competitividade das empresas e constituíndo na comunidade un biopolo que conecte a todos os axentes e contribúa a captar investimentos e potenciar o bioemprendemento, un eido no que Galicia presenta unha taxa importante: o 2,11% do total das novas sociedades creadas son biotecnolóxicas, o dobre que a media estatal.

Para aproveitar as oportunidades que ofrece este sector, a Xunta puxo en marcha, da man de 66 axentes de toda Galicia, a Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, unha folla de ruta que conta cun investimento programado de 200 millóns de euros; prevé a creación de 30 novas empresas biotecnolóxicas, un 15% máis que na actualidade; aumentar a facturación un 20%, ata acadar os 300 millóns; e xerar 300 novos empregos cualificados no sector.

Entre as iniciativas coas que conta esta Estratexia destaca a Compra Pública Innovadora, unha ferramenta que xa mobilizou en Galicia 112 millóns de euros en 5 proxectos en eidos como o sector sanitario, a universidade ou as novas tecnoloxías durante o período 2007-2013; e coa que a Xunta segue a traballar a través de propostas como o programa Código 100 presentado hoxe en Biospain ou como o polo tecnolóxico e industrial de Rozas, que inclúe 24 millóns de euros a través da Compra Pública Innovadora para mellorar, mediante o emprego dos avións non tripulados, a xestión dos recursos acuáticos, naturais e de ordenación do territorio, e o control do tráfico aéreo, entre outros.

Motor da economía

Segundo Almuiña, o sistema de saúde, tanto polo seu peso específico como empresa (36.000 traballadores e un presuposto que supón máis do 40% dos recursos totais da Xunta), como polo seu potencial investigador e xerador de coñecemento, “debe actuar como un verdadeiro motor da economía de Galicia. Por eso acudimos a Biospain, para amosar o noso compromiso coa economía baseada no coñecemento”.

O conselleiro puxo en valor o traballo que se leva a cabo nos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia, que aglutinan a máis de 1.200 investigadores, e rematou dicindo que “Galicia e o seu sistema sanitario teñen unha serie de factores que a converten nunha rexión ideal para a posta en marcha de proxectos innovadores no sector saúde e, por tanto, tamén, no sector biotecnolóxico”.

Código 100

O Programa Código 100, que tal e como destacou o conselleiro será presentado nesta edición de Biospain, conta con tres liñas de traballo. Unha primeira, dotada con cinco millóns de euros, que incide na posta en marcha de novas ferramentas e terapias de diagnóstico para unha maior personalización dos tratamentos. A segunda liña, con catro millóns de euros, na que se deseñarán un conxunto de ferramentas e contidos multimedia para previr e favorecer a autoxestión dos enfermos, ademais de xerar un círculo informativo entre eles, o sistema sanitario e os seus profesionais.

Finalmente, a terceira liña, céntrase nos profesionais sanitarios, desenvolvendo solucións para formar aos profesionais e ao mesmo tempo xestionar o seu coñecemento desde o punto de vista organizativo e de recursos humanos, para o que contarán tamén con catro millóns de euros.

A información intercambiada durante esta etapa de consultas será imprescindible para abordar retos asistenciais a través de solucións tecnolóxicas non existentes na actualidade. Desta forma, Código 100 promoverá solucións que acheguen un beneficio asistencial e, ao mesmo tempo, actuará como catalizador da innovación no sector da saúde.

Esta etapa de consultas resulta clave para poñer en marcha proxectos de innovación a través de compra pública innovadora, modalidade que mobilizará o 70% do orzamento do programa. Adicionalmente, articularase un diálogo transparente e aberto a través de medios dixitais, sesións técnicas e outras iniciativas encamiñadas a interaccionar dunha forma áxil e coordinada cos actores con capacidade para impactar nas tres liñas de Código 100.