A Xunta informa en Santiago sobre o programa Principia que impulsa a contratación de 300 mozos investigadores

2016-06-06
  • O director da Axencia Galicia de Innovación (Gain), Manuel Varela, pechou hoxe o obradoiro de presentación desta iniciativa coa que se apoiarán contratos cunha duración mínima dun ano en empresas e centros de investigación galegos
  • O obxectivo deste encontro é dar a coñecer ás empresas, universidades, centros de coñecemento e titulados ou doutorados universitarios os requisitos e características desta liña de apoio
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende con este tipo de xornadas establecer un espazo de networking para o contacto entre profesionais e entidades para estimular a contratación no eido da investigación e innovación
  • A iniciativa, á que se destinan 3 millóns de euros, busca reforzar a inserción laboral de profesionais moi cualificados no tecido produtivo galego

Santiago, 6 de xuño de 2016.- O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, pechou hoxe en Santiago o obradoiro de presentación do programa Principia co que a Xunta apoiará a contratación de 300 mozos e mozas investigadores por parte de empresas e centros de coñecemento.

O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer ás empresas, universidades, centros de coñecemento e titulados ou doutorados universitarios os requisitos e características desta liña de apoio que pretende, tal e como destacou Varela, estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i. Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende con este tipo de xornadas establecer un espazo de networking para o contacto entre profesionais e entidades para estimular a contratación no eido da investigación e innovación.

O director da Axencia salientou que mediante estes contratos, que deberán ter unha duración dun mínimo dun año, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral aos titulados con pouca experiencia, xa que o programa estará focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos cun ano ou menos de experiencia laboral na súa categoría profesional.

“Pretendemos que este programa lles sirva como anclaxe a un mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa para reforzar a competitividade da investigación e o tecido empresarial galegos”, apuntou Varela.

As axudas, que suman 3 millóns de euros e cuxa convocatoria sairá publicada no DOG proximamente, poderán ser solicitadas, ata un máximo de 10 contratos por entidade, por empresas e organismos públicos ou privados de investigación, como universidades, fundacións, ou centros tecnolóxicos. O apoio da Xunta será de 10.000 euros por contrato, e o custo mínimo anual por cada persoa traballadora contratada, incluídos tanto os custos laborais como os da seguridade social a cargo da empresa, será de 24.000 euros.

As axudas concederanse baixo un réxime de concorrencia competitiva previa valoración dunha serie de criterios como o tipo de contrato, a titulación da persoa contratada, a experiencia profesional, ou a contía do salario, entre outros. Con estes apoios, as actividades que desenvolverán estes 300 mozos e mozas deberán desenvolverse en Galicia, e en tarefas relacionadas cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia-RIS3, de forma que a súa labor contribúa a impulsar a folla de ruta da innovación galega ata 2020.