Conde afirma que os vehículos non tripulados que se fabricarán no polo de Rozas levarán o nome de Lugo e de Galicia por todo o mundo

2016-04-20
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou no coloquio “O Polo Tecnolóxico e Industrial de Avións non tripulados de Rozas: o seu efecto dinamizador na economía de Lugo”, organizado polo diario El Progreso
  • Resalta o atractivo que a provincia gañará para atraer a novas pemes e multinacionais do sector, o que elevará o impacto inicial de 600 empregos
  • Subliña o CIAR de Rozas como vantaxe clave fronte a outras rexións para que Galicia se faga con parte dun mercado de 67.000 millóns de euros, ao permitir ensaiar, certificar e homologar novos prototipos
  • Defende que a provincia se converterá na sede do que está chamado a ser un dos grandes piares da industria galega
  • Destaca o compromiso a longo prazo tanto de Inaer como de Indra con Lugo, garantindo unha permanencia mínima ata 2026

Lugo, 20 de abril de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que os vehículos non tripulados que Galicia estará en condicións de fabricar así como a tecnoloxía que se desenvolva no marco do parque tecnolóxico e industrial de Rozas “levarán o nome de Lugo e de Galicia por todo o mundo”. Conde participou no coloquio O Polo Tecnolóxico e Industrial de Avións non tripulados de Rozas: o seu efecto dinamizador na economía de Lugo, organizado polo diario El Progreso e no que tamén tomaron parte o director xeral de Indra, José Manuel Pérez Pujazón; o director de I+D de Inaer, José Luis Sáiz; e a profesora de Economía de la USC María Cadaval.

Conde sinalou que de inicio Galicia fabricará tres vehículos: o helicóptero Lumes, o avión de ala fixa Targus, e un vehículo mariño non tripulado que inclúe un microrobot submarino capacitado para a recollida de mostras. Este produtos comercializaranse a nivel mundial, e reforzarán a capacidade tecnolóxica das pemes galegas do sector así como os contactos para internacionalizarse.

O conselleiro lembrou que co polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que terá o seu centro neurálxico en Rozas, “dotamos a Lugo do maior investimento industrial da historia da Xunta nesta provincia, cun investimento conxunto de 115 millóns”, dos que a Xunta achega 40 millóns e os socios industriais 75. “Con este proxecto estamos á vangarda de todo o desenvolvemento do sector dos avións non tripulados, e imos a traballar de forma inmediata para crear postos de traballo estables e de calidade, e converter a Galicia nun referente industrial e tecnolóxico neste eido tanto en España como a nivel internacional”, dixo Conde, que sinalou esta iniciativa como un “compromiso de país” que abre “unha ventá de oportunidade para os nosos mozos, aos nosos investigadores, e as nosas pemes”.

Unha alianza entre Galicia e dúas multinacionais que suman máis de 9.000 millóns en facturación que terá un importante impacto para Lugo e para toda a comunidade. O conselleiro resaltou o atractivo que a provincia gañará para atraer a novas pemes e multinacionais do sector, o que elevará o impacto inicial de 600 empregos comprometidos polos dous socios tecnolóxicos e industriais da Xunta

Compromisos

Conde subliñou que o traballo conxunto do Goberno galego e ambas compañías farán da provincia lucense a sede do que está chamado a ser un dos grandes piares da industria galega. Neste senso, subliñou o alcance dos compromisos de ambas compañías, que trasladarán toda a súa activade de avións non tripulados a Galicia, implantarán 6 novas empresas na comunidade, desenvolverán un catálogo de produtos que se fabricarán integramente en Galicia e se comercializarán a nivel mundial, impulsarán tecnoloxías transversais de alto impacto noutros sectores como o naval ou a automoción, e construirán o parque tecnolóxico industrial de Rozas, que complete as actuais capacidades do aeródromo.

Para isto, recordou Conde, o aeródromo lucense incorporará a fábrica de helicópteros non tripulados de Inaer, a fábrica de avións non tripulados de Indra, un centro tecnolóxico, unha oficina de deseño e certificación, unha unidade de instrución e formación de pilotos, un centro de control de tráfico aéreo, un novo hangar, e unha incubadora de empresas.

Ademais, ambas empresas teñen asumido o compromiso de contratar con 18 empresas de sectores diferentes como o aeronáutico, o metalúrxico, o naval ou as TIC, e 13 centros de coñecemento da comunidade, entre os que se inclúen as 3 universidades galegas. Para eles, os socios reservan 42 millóns en contratos, aos que se sumará a posibilidade de que todos participen na explotación da tecnoloxía que co-desenvolvan.

Permanencia

O conselleiro salientou que “o compromiso de Inaer e Indra é exactamente o tipo de compromiso estable con Galicia que busca a Xunta”, porque máis alá de firmar un compromiso de permanencia en Galicia ata o ano 2026, como mínimo, “ambas nos teñen trasladado a súa vocación de ficar aquí para sempre”. De feito, dixo Conde, “entendemos que a elección de Indra e Inaer é só o punto de partida para intentar atraer un mercado de 67.000M€ ata 2020,e seguiremos traballando para seguir a facer Lugo atractiva a novos proxectos”.

Neste senso, destacou medidas como a Iniciativa Captación de Investimentos 4.0, coa que o Goberno galego busca captar proxectos de máis de 50M€ da Industria 4.0, aberta á industria aeronáutica, “na que temos un especial interese”.

Conde salientou como unha das principais vantaxes competitivas de Galicia, de cara a facerse un oco neste mercado, ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, posto en marcha polo INTA e a Xunta cun investimento de 10 millóns de euros. O conselleiro resaltou que a capacidade do CIAR para permitir ensaiar, certificar e homologar novos prototipos fan de Rozas, que ten unha situación privilexiada e case única en Europa, un dos maiores activos galegos.

Tecnoloxías

As vantaxes para Galicia e para Lugo, resaltou Conde, non serán só económicas. A través do acordo de asociación con Indra e Inaer, a Xunta se reserva a utilizar gratuitamente a tecnoloxía resultante para prestar mellores servizos á cidadanía galega en ámbitos como a prevención e extinción de incendios, a xestión máis eficiente de recursos forestais, agrícolas e gandeiros, o inventariado e a xestión intelixente do territorio e do patrimonio, o salvamento marítimo, a vixilancia costeira, o control do furtivismo, a detección de mareas vermellas, ou a xestión eficiente de emerxencias e fluxos turísticos.

Neste senso, ademais do desenvolvemento que se leve a cabo como parte dos compromisos adquiridos por ambas multinacionais, a Xunta porá este ano an marcha unha iniciativa de compra pública innovadora de tecnoloxía, coa que apuntalará a capacidade innovadora das pemes galegas do sector.