Conde destaca a unidade mixta Wartsila – Aimen como "eixo imprescindible da cadea de valor da industria naval" cara a reducir custos e gañar competitividade

2015-12-11
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destaca que este proxecto aspira a situar a Galicia como referente no deseño e fabricación de liñas de eixos de buque, incrementando a súa eficiencia e o valor engadido
  • Subliña que a iniciativa se suma a outras dúas Unidades Mixtas do sector que está a permitir ao naval galego incrementar a intensidade tecnolóxica e apostar pola diversificación, a especialización e a innovación aberta
  • Sinala que estas actuacións están a sentar as bases para o principal reto que ten esta industria por diante: o de “enfrontar o enorme cambio tecnolóxico que conduce ao Naval 4.0”

O Porriño (Pontevedra), 11 de decembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun seminario sobre a Unidade Mixta de Investigación Next Bearing, que están a desenvolver Wärtsilä Ibérica e Aimen e que, segundo salientou, se configura como “eixo imprescindible da cadea de valor da industria naval” que permitirá non só unha maior durabilidade e un menor peso das pezas, senón tamén unha redución dos custos de fabricación para ser máis competitivos.

Para acadar este obxectivo, explicou o conselleiro, o proxecto, no que participa a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación, céntrase na elaboración dunha nova xeración de compoñentes navais de alta eficiencia e alto valor engadido a través do emprego de novos materiais, especialmente nas liñas de eixos de buques. Así, o traballo ten entre as súas metas reducir un 15% o peso dos compoñentes empregados nestas liñas de eixos de buques, e mellorar nun 25% a súa vida útil.

“Galicia está a traballar para converterse en referente mundial no deseño e fabricación destes produtos”, subliñou Conde, quen sinalou que o está a facer a través dunha actuación de alto impacto con capacidade para achegar ao mercado os seus avances e resultados; que está a crear emprego estable e de calidade, cun grupo de 13 investigadores; e que suma un investimento conxunto de 2,3 millóns.

Esta actuación, salientou o titular de Economía, Emprego e Industria, se encadra “nun modelo de traballo pioneiro, estable e ben definido”, o das Unidades Mixtas de Innovación que, segundo lembrou, suma outros dous proxectos relacionados coa industria naval galega. Deste xeito, resaltou, o sector está a incrementar a intensidade tecnolóxica ao tempo que aposta pola diversificación, a especialización e a innovación en procesos e produtos.

“Nestes aspectos a iniciativa de Wärtsilä Ibérica e Aimen ocupa un lugar moi importante para promover a investigación en novos procesos produtivos baseados en tecnoloxías de alto valor engadido”, explicou o conselleiro, quen destacou que, desta forma, o naval galego “está a camiñar cara a fábrica intelixente, enfrontando ese enorme cambio tecnolóxico que debe conducirnos ao Naval 4.0”.

Neste camiño, sinalou Conde, Xunta e industria están a dar xa os primeiros pasos a través do proxecto Naval 4.0, que se está a impulsar desde o CIS Galicia, e no que participan Aimen, o ITG, Soermar, Aclunaga, Navantia e o Colegio de Ingenieros Navales. O obxectivo, apuntou o conselleiro, é desenvolver proxectos demostradores para acadar tecnoloxías de vangarda, mellorar a competitividade dos estaleiros e a industria auxiliar a través da optimización das tecnoloxías existentes, e poñer a vista en novos nichos de mercado, apostando pola diversificación do sector a través de sistemas de alto valor tecnolóxico.