GAIN organiza un foro para definir o sistema de seguimento da RIS3

2015-12-09
  • Este sistema de seguimento servirá para a revisión, actualización e mellora continua das áreas e obxectivos da RIS3 Galicia
  • No foro participarán expertos nacionais e internacionais, así como axentes do Sistema Galego de Innovación

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2015.- O vindeiro 17 de decembro a sede da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en Santiago de Compostela acollerá o foro “Sistemas de seguimento para medir o impacto de RIS3 rexionais e transrexionais”, no que se intentará definir un sistema de seguimento eficaz para a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). O evento está organizado por GAIN no marco das actuacións de seguimento da RIS3 galega.

O sistema de seguimento resultante servirá para a revisión, actualización e mellora continua das áreas e obxectivos da RIS3 de Galicia. Por este motivo, resulta de especial interese a participación activa dos axentes do Sistema Galego de Innovación. Ademais, contarase coa presenza de expertos nacionais e internacionais neste ámbito.

Mesas redondas e talleres de traballo

O foro contará con dúas partes, unha primeira parte pola mañá na que se exporán e debaterán os obxectivos dun sistema de indicadores e os problemas e oportunidades que implica, e unha segunda parte, pola tarde, na que se celebrarán talleres de traballo temáticos para fomentar a participación activa dos axentes galegos.

A través deste traballo participativo e aberto, preténdese conformar un sistema de seguimento máis evolucionado, que se adapte á monitorización de estratexias máis novidosas como as RIS3 e realidades cun alto grao de complexidade, unha problemática común a toda Europa.

Pode consultar o programa completo do foro e acceder ao formulario de inscrición nesta ligazón