Máis de 400 empresas e expertos internacionais comparten coñecemento e contactos comerciais no congreso Agrobiotech Innovación

2015-11-26
  • Economía, Emprego e Industria organiza en Ourense a primeira edición deste encontro para impulsar o incremento da competitividade das pemes galegas da biomasa, a biotecnoloxía e a agroalimentación
  • Tal e como salientou o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, estes tres sectores son prioridades de innovación para Galicia
  • As previsións de participación desbordáronse nos últimos días ata alcanzar os 370 inscritos, aos que se suman 55 ponentes expertos procedentes de empresas e centros de investigación

San Cibrao das Viñas (Ourense), 26 novembro de 2015.- O congreso Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, reúne entre hoxe e mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, a máis de 400 representantes de empresas e expertos internacionais nos sectores da biotecnoloxía, a biomasa e a agroalimentación. As previsións de participación desbordáronse nestes últimos días, cando a inscrición alcanzou un total de 370 profesionais procedentes de toda España, Francia e Portugal, aos que hai que sumar os 55 ponentes chegados de varios países europeos e os Estados Unidos.

Durante o acto de apertura do congreso, o director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, resaltou o interese rexistrado. “Organizamos, a petición dos participantes, un total de 167 reunións entre empresas, ás que haberá que sumar os contactos que se establezan durante todas as actividades informales de networking”, expuxo.

Varela subliñou que Galicia “está gozando dunha oportunidade única ata 2020 grazas aos fondos europeos” e que a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) é “a nosa gran baza para mobilizar máis de 1.600 millóns de euros, obxectivo que logo deste primeiro exercicio de execución podemos dicir que se está cumprindo ao ritmo preciso”.

En referencia ao congreso que está a ter lugar en Ourense, o director da Gain explicou que os tres sectores de referencia do evento son prioridades de innovación para Galicia, segundo se recolle na RIS3. “A decisión de escollelos para protagonizar este encontro multidisciplinar débese ás sinerxías que hai entre eles, que é imprescindible explotar para aumentar a competitividade e o crecemento das pemes galegas destes sectores”.

Neste sentido, Varela, que citou as pequenas e medianas empresas como un dos eixes principais das políticas de innovación da Xunta, lembrou que este encontro forma parte do programa Agrobiotech Innovación. Grazas a el, 11 pemes galegas beneficiáronse de itinerarios de innovación individualizados e máis de 200 empresas máis participaron en talleres de capacitación sobre aspectos estratéxicos para a mellora da competitividade.

O director da Gain agradeceu o esforzo das entidades colaboradoras na organización do encontro, como os clústers galegos da biotecnoloxía, da madeira e da alimentación, a Asociación Española de Empresas Bio (Asebio), o Cetal e a Tecnópole.

Pola súa banda, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta, Tomás Fernández Couto, sinalou a innovación como o camiño que os sectores primarios de Galicia teñen que seguir “para superar o rol de meros subministradores de materias primas e abordar con éxito a transformación de produto, fundamental para ser competitivos”.

O presidente do Clúster da Madeira e do Deseño, José Manuel Iglesias, destacou o enorme potencial de Galicia para o aproveitamento da biomasa forestal, “un combustible 100% galego que permite un aforro enerxético no fogar do 65%”.

Polo que respecta á biotecnoloxía, a presidenta de Bioga, Carme Pampín, subliñou que Galicia é a quinta comunidade española en empresas bio e que o 50% dos participantes no congreso Agrobiotech Innovación proceden deste sector. “Incrementaremos a nosa clientela, a nosa carteira de socios para proxectos e as nosas oportunidades de colaboración cos outros sectores”, dixo, en referencia ao da biomasa e agroalimentario.

O vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez, afirmou que o encontro é unha oportunidade para dar a coñecer as capacidades de investigación dos grupos nos tres sectores. “O Campus é un referente na biotecnoloxía aplicada ao sector agroalimentario, tanto no eido da investigación como no da transferencia”, especificou.

Últimas tendencias

Durante a mañá tiveron lugar seis sesións paralelas nas que expertos de empresas e centros tecnolóxicos expuxeron as últimas tendencias nos seus respectivos sectores. Nelas presentaronse novos envases que, a través de nanopartículas ou da aplicación de gases para crear atmósferas modificadas, permiten estender significativamente a vida útil de alimentos como a carne de ave.

O uso da biotecnoloxía para desenvolver e validar alimentos funcionais, é dicir, os que teñen novos compoñentes bioactivos (probióticos, antioxidantes, de protección cardiovascular, etc.) protagonizou outra das sesións.

Polo que respecta á biomasa, deuse conta do estado actual da investigación relacionada cos biocombustibles de segunda xeración a nivel mundial, especialmente os relacionados coa utilización de biomasa forestal en biorrefinerías.

No espazo expositivo, unha trintena de empresas de toda España mostraron os seus produtos innovadores, desde lentes de contacto que liberan substancias para o coidado da vista ata novidosos sistemas autónomos de produción de enerxía renovable, pasando por compotas de froitas e cremas de vexetais envasadas sen ningún tipo de aditivo.