Feijóo garante o compromiso do Goberno galego cunha industria competitiva que innova, investiga e exporta

2015-06-12
  • Afirma que o sector da automoción se atopa en constante renovación porque explora continuamente na I+D+i para atopar novas solucións tecnolóxicas
  • Lembra que o sector segundo datos de 2014: dá emprego a máis de 18.000 persoas, concentra o 12% do emprego industrial da Comunidade e facturou 7.600 millóns, o equivalente ao 14% do PIB
  • Resalta que as empresas de compoñentes exportaron o pasado ano un 10% máis que en 2013
  • Refírese a CIE-Galfor como un exemplo que entra claramente no modelo industrial da Xunta, tanto na RIS3, como na Fábrica 4.0

Ourense, 12 de xuño de 2015.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a vocación innovadora do sector galego da automoción, que dá pulo ao conxunto do tecido industrial da Comunidade e lle abre portas a novos mercados internacionais e garantiu o compromiso do Goberno galego coa “industria competitiva, que innova, que investiga e que exporta”.

Nesta liña e durante unha visita este mediodía ás instalacións da factoría CIE-Galfor e, tras unha reunión co equipo directivo, Feijóo afirmou que o sector da automoción se atopa en constante renovación porque explora continuamente na I+D+i para atopar novas solucións tecnolóxicas. “Isto é o que fai da industria do motor un ámbito estreitamente ligado á innovación e ás novas tecnoloxías, porque así llo require un mercado cada vez máis esixente”, aseverou.

Logo de precisar que a seguridade, o respecto polo medio ambiente ou o deseño son, hoxe por hoxe, as principais liñas nas que se move a enxeñaría automobilística, o titular do Goberno galego lembrou que o sector da automoción –segundo datos de 2014- en Galicia: dá emprego a máis de 18.000 persoas, e concentra o 12% do emprego industrial da Comunidade; facturou 7.600 millóns de euros, o equivalente ao 14% do PIB; e exportou un 73% da súa facturación.

Sobre este último aspecto, subliñou que as empresas de compoñentes exportaron o pasado ano un 10% máis que en 2013.

A modo de exemplo, Feijóo referiuse ao caso concreto de CIE-Galfor; unha empresa líder que fabrica cegoñais para turismos e pezas para vehículos industriais, que se converteu nun dos grandes provedores máis apreciados polos grandes fabricantes de todo o mundo, exportando o 100% da súa produción.

Así mesmo, destacou o plan de mellora industrial que desde 2013 leva acometido esta empresa; “e, en 2016, poderemos dicir que un de cada catro automóbiles fabricados en Europa montará cegoñais feitos en Ourense”.

Feijóo resaltou a aposta desta empresa por Galicia, que nos últimos seis anos leva investido máis de 22 millóns de euros na planta ourensá, e incidiu no compromiso do Goberno galego co sector : “A Xunta vai seguir acompañando esta industria, cada proxecto de innovación e cada proxecto de tecnoloxía” aseverou.

“En definitiva, estamos a falar dun exemplo de estratexia clara de crecemento e expansión que está baseada na innovación e mellora dos procesos produtivos, e en consolidar a súa presenza internacional. Un exemplo que entra claramente no modelo industrial da Xunta, tanto na RIS3, como na Fábrica 4.0” concluíu a modo de resumo sobre a factoría CIE-Galfor.