Conde salienta que a aceleradora Vía Lugo nace para potenciar o emprendemento innovador lugués

2015-06-08
  • O conselleiro de Economía e Industria presenta a nova entidade coa que a Xunta e Zona Franca expanden ao norte da comunidade o modelo de apoio ás empresas iniciado con Vía Vigo
  • Sinala que Vía Lugo terá á súa sede na CEL e compartirá protagonismo acollendo a varios dos proxectos emprendedores integrados por Vía Galicia desde este mesmo ano
  • Defende que con esta nova aceleradora, que se suma as iniciativas recentes na provincia como Agrobiotech e o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, a Xunta consolida a súa aposta para facer de Lugo “un polo de emprendemento innovador”
  • O apoio da Xunta e do Consorcio Zona Franca aos emprendedores integrados en Vía Galicia multiplícase por tres este ano sumando máis de 2,2 millóns en respaldos

Lugo, 8 de xuño de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou que a aceleradora de empresas Vía Lugo, presentada hoxe na sede da CEL, “pecha o círculo” territorial no apoio da Xunta ao emprendemento innovador galego, ao estender a toda Galicia o modelo de apoio ás empresas iniciado con Vía Vigo, facendo da primeira a sede norte e da segunda a sede sur de Vía Galicia, que integra a ambas. Estas aceleradoras, subliñou Conde, se suman a unha rede cada vez maior de entidades galegas de apoio ao emprendemento promovidas pola Xunta, como é o caso da aceleradora lucense Agrobiotech. Neste senso, Conde referiuse á aposta do Goberno galego por crear “un polo de emprendemento innovador en Lugo” a través das dúas aceleradoras e do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, que abrirá novas oportunidades no sector aeronáutico aos emprendedores de Lugo.

Vía Galicia nace con capacidade para facer realidade esa visión grazas ao apoio da Xunta, do Consorcio Zona Franca de Vigo, e da CEL. O respaldo económico este ano multiplícase por tres coincidindo coa expansión territorial de Vía Vigo, sumando máis de 2,2 millóns de euros en apoios incluíndo respaldos para cada un dos 15 proxectos que resulten gañadores da convocatoria de 2015 de ata 75.000 euros a través de Xesgalicia e a Axencia Galega de Innovación.

O conselleiro lembrou que os 15 proxectos con alto potencial innovador que resulten seleccionados este ano, non só recibirán apoio económico, senón respaldo en forma de infraestruturas para poñer en marcha a súa empresa, e asesoramento experto para desenvolver o seu plan de negocio e captar financiamento.

Tanto XesGalicia como a Axencia Galega de Innovación formarán parte do comité que seleccione aos proxectos gañadores, e Conde avanzou que este ano se priorizará o emprendemento innovador centrado nos grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3, o mapa que guiará o investimento galego en innovación ata 2020. Isto supón priorizar as propostas de emprendemento que teñan que ver coa xestión innovadora dos recursos naturais e culturais, coa mellora da competitividade da industria, e coas tecnoloxías para unha vida saudable e o envellecemento activo, tendo moi en conta especial importancia as tecnoloxías facilitadoras, especialmente as TIC e a biotecnoloxía.

As primeiras fases de apoio aos proxectos se levarán a cabo tanto en Lugo como en Vigo, dependendo da elección do propio emprendedor, mentres que a fase final se concentrará en Vigo. A sede lucense, incidiu o conselleiro, se localizará na CEL, que contribuirá á iniciativa apoiando á súa difusión.

Conde resaltou que esta expansión territorial do modelo de Vía Vigo se produce despois dos bos resultados da aceleradora viguesa, que ten impulsado durante os últimos 3 anos 20 proxectos empresariais. O conselleiro apuntou á entidade como un elemento clave para facer de Galicia un ecosistema que permita aos emprendedores consolidar os seus proxectos, unha convicción á que, resaltou, o Goberno galego ten apostado mediante varias iniciativas.

Neste senso, lembrou a eliminación das licenzas municipais de obra e actividade, substituíndoas por unha comunicación previa; o apoio ao financiamento a través de distintas ferramentas, coas que a Xunta ten mobilizado máis de 30 millóns nos últimos 5 anos, deles, 10 millóns no último ano; a creación a Unidade Galicia Emprende para asesorar aos que se lanzan a poñer en marcha un negocio; os programas de formación nos que cada ano se forman 8.000 presentes e futuros emprendedores; os plans de mentorización; o traballo de coordinación co Goberno central, que vén de habilitar a creación de empresas en 18 horas; a apertura de canles ao investimento privado a través da Rede de Business Angels; e as propias aceleradoras de empresas.