Conde destaca no Día da Ciencia o esforzo da Xunta para que Galicia "sexa unha terra atractiva para os investigadores punteiros"

2015-06-01
  • O conselleiro de Economía e Industria salienta o labor da científica ferrolá Ángeles Alvariño para deixar “unha profunda pegada galega na oceanografía”, descubrindo 22 novas especies
  • Resalta que “xornadas coma este Día da Ciencia nos dan a oportunidade para poñer en valor aos grandes talentos que tivo, ten e terá Galicia”
  • Subliña a aposta da Xunta por atraer ao mellor talento mediante programas como o Oportunius, que busca captar a 24 científicos de alto nivel e que xa ten permitido atraer a Galicia a Diego Martínez, o mellor físico de partículas novo de Europa

Santiago, 1 de xuño de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou, durante a celebración do Día da Ciencia, o esforzo da Xunta para que Galicia “sexa unha terra atractiva para os investigadores punteiros” mediante programas como o Oportunius, que busca captar a 24 científicos de alto nivel e que xa ten permitido atraer á USC a Diego Martínez, que foi recoñecido no 2013 como o mellor físico de partículas novo de Europa. “Queremos que en Galicia haxa investigadores que exploren as fronteiras da ciencia, seguindo a estela dos brillantes científicos que tivo e ten Galicia. Unha terra atractiva para as mentes máis brillantes é unha terra que abre tódolos camiños do progreso”, dixo Conde.

O conselleiro destacou que o futuro científico galego que construirán investigadores como Martínez non sería posible sen “sen as sólidas bases dos descubrimentos científicos dos nosos antergos”. “Se estamos onde estamos e podemos ver o mundo desde a altura desde onde o vemos, é porque antes houbo outros que nos foron subindo ata aquí”, dixo Conde, que sinalou como exemplo claro deses xigantes científicos galegos á ferrolá Ángeles Alvariño, á que este ano o Día da Ciencia recoñece o seu labor.

Conde resaltou as dificultades de Alvariño para estudar, unha carreira marcada nos seus primeiros pasos primeiro pola Guerra Civil e, máis tarde, por unha España “pechada en si mesma. Isto non lle impediu que decidise estudar idiomas para abrirse novos camiños”. Eses camiños levaron a Alvariño primeiro a Inglaterra, onde nos anos 40 se fixo un nome no Laboratorio de Bioloxía Mariña de Plymouth. Posteriormente se trasladou a Estados Unidos, onde estendeu esa reputación ata converterse nun dos maiores expertos oceanógrafos do país.

As investigacións deixaron unha profunda pegada galega na oceanografía, xa que a ferrolá descubriu vinte e dúas novas especies. Ademais, como recoñecemento ao seu inxente labor, a comunidade científica decidiu bautizar co seu nome dous exemplares de plancton. “Xornadas coma este Día da Ciencia nos dan a oportunidade para poñer en valor aos grandes talentos que tivo, ten e terá Galicia”, dixo Conde, que subliñou o apoio da Xunta á Real Academia Galega de Ciencias como panca para o desenvolvemento científico de Galicia.