A Xunta creará un "polo industrial e de innovación" de referencia en Europa en torno ao Centro de Investigación Aerotransportada de Galicia

2015-05-21
  • O Goberno autonómico destinará 45 millóns de euros ata o ano 2020 neste “proxecto de diversificación industrial aeronáutica de Galicia”
  • “Estamos a abrir unha oportunidade nun campo que conta con óptimas expectativas de crecemento”, afirmou Feijóo
  • Destinaranse 25 millóns á contratación dun ou varios socios tecnolóxicos para instalar centros de produción e implicar compañías e centros de investigación galegos
  • O procedemento para levar a cabo a selección do socio tecnolóxico iniciase hoxe co visto e prace do Consello da Xunta e rematará a finais deste ano coa contratación
  • Investiranse 20 millóns en “compra pública innovadora de tecnoloxías novas pero xa desenvolvidas”
  • O investimento súmase aos 10 millóns que destinan a Xunta, o INTA e o Ministerio de Economía ás instalacións do centro das Rozas
  • As Rozas será o núcleo dun polo con capacidade para “atraer grandes empresas internacionais” e crear emprego altamente cualificado na provincia de Lugo

Santiago, 21 de maio de 2015.- Alberto Núñez Feijóo anunciou hoxe que a Xunta afondará na aposta por crear en Galicia un “polo industrial e de innovación” de referencia en avións non tripulados para aplicacións civís que terá como núcleo o centro de investigación das Rozas, no concello lucense de Castro de Rei. Así, o Executivo autonómico investirá 45 millóns de euros ata o ano 2020 neste “proxecto de diversificación industrial aeronáutica de Galicia”.

“Estamos a abrir unha oportunidade nun campo que conta con óptimas expectativas de crecemento”, explicou o presidente da Xunta, que ten como obxectivo “abrir un novo sector estratéxico da nosa economía” no desenvolvemento dos avións non tripulados e situar Galicia “nunha posición de privilexio”.

Socios tecnolóxicos

Dos 45 millóns que investirá a Xunta neste proxecto, 25 irán destinados á “contratación dun ou varios socios tecnolóxicos”, que serán seleccionados nun concurso público que se convocará ao longo deste ano 2015. O procedemento, ao que o Consello da Xunta deu o seu visto e prace, iníciase hoxe coa publicación do anuncio e rematará a finais deste ano coa contratación do socio ou socios tecnolóxicos. Estes encargaranse de desenvolver un plan de investimentos para instalar centros de produción, e implicar compañías e centros tecnolóxicos galegos no proxecto.

O polo que se terá o seu núcleo nas Rozas integrará, segundo detallou Feijóo, empresas do sector aeronáutico e outras auxiliares do metal, do naval ou da automoción, que terán aquí unha oportunidade para diversificar o seu negocio e desenvolver “aplicativos exportables, vendibles e comercializables” de elevado valor engadido.

As empresas interesadas neste concurso poderán presentar a súa candidatura ata mediados de xuño a través da web da Axencia Galega de Innovación. Deberán acreditar a súa capacidade para investigar a aplicación dos sistemas aéreos non tripulados aos retos expostos pola Xunta, entre os que destacan: a prevención e extinción de incendios, a xestión de catástrofes, o salvamento marítimo, o inventariado e a xestión integral do territorio, o control do furtivismo, a elaboracións de mapas de riscos, a vixilancia costeira, ou a xestión de fluxos turísticos.

Compra pública innovadora

Por outra banda, os 20 millóns restantes do investimento da Xunta orientaranse á “compra pública innovadora de tecnoloxías novas pero xa desenvolvidas”, tal e como concretou o presidente. Estes fondos permitirán, a través dunha convocatoria que se activará no vindeiro exercicio, impulsar a innovación desde a Administración e proporcionar uns servizos públicos da máxima calidade con solucións tecnolóxicas innovadoras.

O xefe do Executivo autonómico tamén subliñou a colaboración no proxecto do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA). Este, “o único centro que homologa os avións non tripulados”, é o “socio e aliado neste proxecto”. A Xunta, o INTA e o Ministerio de Economía e Competitividade destinarán, de feito, 10 millóns ao Centro de Investigación Aerotransportada das Rozas para a adaptación das instalacións existentes, a maiores dos 45 millóns que anunciou hoxe Feijóo.

En definitiva, Alberto Núñez Feijóo recalcou que a provincia de Lugo contará co “primeiro centro de investigación en avións non tripulados de Europa”, un centro de referencia en todo o continente e un polo industrial e de innovación con “capacidade para atraer grandes empresas internacionais” e crear emprego altamente cualificado na provincia.