A Xunta aposta pola internacionalización e a innovación das empresas galegas para gañar competitividade

2015-05-18
  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou hoxe a firma ponteareá Panelship, que acaba de adxudicarse un contrato de PEMEX de 3,5 millóns de euros

Ponteareas, 18 de maio de 2015.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a empresa ponteareá Panelship, onde destacou a aposta do Goberno galego pola internacionalización e a innovación das empresas galegas como a mellor forma de gañar en competitividade e saír reforzados da crise.

O vicepresidente estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o alcalde de Ponteareas, Salvador González, o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial, e os representantes da empresa, Mauricio Gómez e Gonzalo Román.

Durante a visita, Rueda lembrou que a aposta da Xunta pola innovación reflíctese na Estratexia de especialización Intelixente RIS3, que servirá de guía para o investimento en proxectos innovadores nos vindeiros anos; e na Axenda de Competitividade Galicia – Industria 4.0, que busca crear 50.000 novos empregos ata o 2020.

Ademais, a Xunta puxo en marcha unha Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, que ten permitido gañar novos mercados e incrementar a competitividade. Entre 2015 e 2016 investiranse máis de 50 millóns de euros co obxectivo de incrementar as exportacións un 25 por cento e lograr que no 2020 as achegas das exportacións ao PIB galego acaden o 40 por cento.

Segundo destacou Rueda, internacionalización e innovación son dúas máximas que tamén se están a aplicar ao sector naval. É o caso de Panelship, que esta mesma semana vén de facer pública a adxudicación dun contrato de 3,5 millóns de euros para PEMEX.

A compañía auxiliar do naval de Ponteareas gañou o proxecto de Dragados Offshore, do grupo ACS, para a construción dos interiores dunha plataforma habitacional marina en Tampico, no estado azteca de Tamaulipas, México.

Panelship, do grupo Maderfri, ten a súa sede central en Ponteareas e delegacións no estado de Tamaulipas en México e Houston en USA. A empresa deseña, fabrica e distribúe os elementos de pechamento modular para o sector marítimo e offshore como paneis, teitos, portas, chans e aseos; así como todo tipo de equipamento interior xa sexa mobiliario en aceiro inoxidable ou madeira, cociñas, cámaras frigoríficas ou maquinaria industrial.