CDTI e GAIN presentan a convocatoria FEDER-INNTERCONECTA 2015

2015-05-08
  • Este programa está dotado con 110 millóns de euros para subvencionar proxectos de desenvolvemento experimental en cooperación entre empresas de rexións destinatarias de fondos FEDER

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2015.- O vindeiro 20 de maio a sede da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en Santiago de Compostela acollerá a presentación do programa Innterconecta 2015, a convocatoria do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) destinada a fomentar a cooperación interrexional en investigación e desenvolvemento.

O acto está organizado por CDTI e GAIN e está dirixido a todos os axentes do Sistema galego de innovación interesados en participar na convocatoria, en especial a empresas, que son as posibles solicitantes das axudas. Nel participarán representantes de CDTI e de GAIN, que informarán das principais novidades no financiamento público á I+D+i e, máis en detalle, sobre a convocatoria 2015 do programa FEDER-INNTERCONECTA. A xornada terá un carácter eminentemente práctico.

Programa Innterconecta 2015

Esta convocatoria ten actualmente aberto o prazo de solicitude, até o 30 de xuño, e constitúe unha oportunidade de financiamento interesante para as entidades galegas, xa que conta cunha dotación orzamentaria total de 110 millóns de euros en formato de subvención.
Os proxectos obxecto de axuda son proxectos de desenvolvemento experimental en cooperación, cun orzamento financiable de entre 1 e 4 millóns de euros, con carácter plurianual (2/3 anos) e deberán desenvolverse nunha comunidade autónoma destinataria de fondos FEDER (Galicia, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela A Mancha, Extremadura, Murcia, Ceuta e Melilla).

Os destinatarios das axudas son agrupacións de empresas constituídas por entre dúas e seis empresas, das que alomenos unha delas deberá ser grande ou mediana e outra, PEME. A contía de cada axuda individual dependerá do custo financiable real do proxecto, do tipo de beneficiario e da dispoñibilidade orzamentaria, oscilando a intensidade da axuda máxima entre un 40% para as grandes empresas, un 50% para as medianas e un 60% para as pequenas empresas.

Os detalles da convocatoria explicaranse máis polo miudo na xornada do día 20.

Inscrición na xornada

O programa detallado da xornada aínda non está dispoñible, nos vindeiros días poderá consultarse na sección Eventos desta web. Non entanto, xa é posible realizar a inscrición a través dun formulario online que se atopa nesta ligazón