O Cesga incorpórase á Rede Española de Supercomputación

2015-04-29
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participou no primeiro Consello desta infraestrutura clave para o desenvolvemento científico e tecnolóxico que vén de ser ampliada con cinco novos nodos
  • Como membro desta rede, o Cesga manterá o seu recoñecemento como Instalación Científico Tecnolóxica Singular de España, unha vantaxe clave no acceso aos apoios do Ministerio para este tipo de grandes infraestruturas
  • Na reunión aprobouse tamén a suscripción dun convenio para incrementar a excelencia científica da Rede e a posta en marcha de proxectos conxuntos

Madrid, 29 de abril de 2015.- O director da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía e Industria e presidente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Manuel Varela, participou esta mañá na primeira reunión do Consello da Rede Española de Supercomputación (RES), á que se veñen de incorporar cinco novos nodos, entre os que se atopa o Finis Terrae II do Cesga, que participou activamente na organización e constitución desta nova RES ampliada.

No encontro celebrado hoxe en Madrid, no que participou tamén o director do Cesga, Javier García Tobío, aprobouse ademais a activación dun convenio multilateral entre as entidades participantes para mellorar a súa operatividade, un acordo fundamental para a coordinación da supercomputación en España, elemento clave no desenvolvemento científico e tecnolóxico.

Esta coordinación incrementa tanto a excelencia do conxunto da RES como a de cada centro de forma individual, xa que se fomenta a execución de proxectos conxuntos e actuacións de interese común nos eidos da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, a formación e a divulgación.

A Rede Española de Supercomputación é unha infraestrutura distribuída que naceu en 2007 para dar soporte ás necesidades de supercomputación dos diferentes grupos de investigación, e o seu obxectivo fundamental é dar servizo á comunidade científica.

Como membro desta nova RES ampliada, o Cesga manterá o seu recoñecemento como Instalación Científico Tecnolóxica Singular de España (ICTS), unha vantaxe clave que lle proporcionará acceso a axudas específicas do Ministerio de Economía e Competitividade.

Xunto coa inclusión do Finisterrae II, no Consello da RES aprobouse tamén a incorporación como nodos da mesma do Pirineus, do Consorcio de Servizos Universitarios de Cataluña (CSUC); Lusitania, da Fundación Computación e Tecnoloxías Avanzadas de Extremadura; Caléndula, do Centro de Supercomputación de Castela e León, e Cibeles, da Universidade Autónoma de Madrid.