O concurso científico de Economía e Industria congrega numerosos ferroláns para medir os seus coñecementos

2015-04-24
  • O edificio do Concello foi hoxe o gran taboleiro de xogo de Big Ciencia, unha espectacular actividade de divulgación que combina o concepto clásico de concurso de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato
  • Tras visitar a semana pasada Verín e Lalín, a xira promovida pola Axencia Galega de Innovación chega mañá á vila lucense de Chantada para seguir retando os galegos e galegas a medirse contra amigos, familiares e veciños

Ferrol, 24 de abril de 2015.- Numerosas persoas déronse cita hoxe ante o Concello de Ferrol para poñer a proba os seus coñecementos científicos en Big Ciencia, un espectacular concurso popular que converteu a fachada da Casa Consistorial nun xigantesco taboleiro de xogo.

O atractivo e innovador formato desta orixinal iniciativa de divulgación científica atraeu a atención de grupos de amigos e familias, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación nun dos puntos máis emblemáticos da cidade.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación, é sacar a ciencia e a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido.

Tras o éxito colleitado en 2013 en cinco grandes cidades galegas e na pasada edición especial Nadal en Santiago, Big Ciencia segue percorrendo nesta segunda edición Galicia en novas localidades, aproveitando ademais as temperaturas primaverais, que invitan máis a xogar na rúa.

Cunha mecánica moi sinxela e apta para todas as idades, o concurso de preguntas científicas botou a andar en Ferrol cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla de luxo na que se converteu o edificio do Concello.

Un xogo moi participativo

¿Que ano internacional se celebra en 2015?, ¿quen inventou o termómetro?, ¿que contén o sangue do noso organismo? O máis rápido en premer o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou aos viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Próxima parada, Chantada

Tras a parada de hoxe en Ferrol, e logo de visitar a semana pasada o municipio ourensán de Verín e o pontevedrés de Lalín, Big Ciencia, que forma parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación, pechará mañá a súa xira primaveral na vila lucense de Chantada, onde os concursantes xogarán sobre a Casa Consistorial.