A Xunta apoia un proxecto innovador liderado pola empresa culinaria para garantir a seguridade alimentaria mediante intelixencia artificial
2026-08-05
Ferrol, 23 de abril de 2015.- As instalacións de realidade virtual do CIS Galicia acollen estes días experimentos do proxecto europeo Faros, que ten por obxectivo contribuír ao deseño de buques máis seguros tendo en conta o factor humano. Mariños da empresa Tallink Grupp Ass, de Tallin, Estonia, comezaron a realizar a fase de probas deste proxecto empregando as simulacións realizadas polo CIS para analizar o efecto de diferentes elementos específicos no comportamento humano.
Nestes experimentos de realidade virtual, que se prolongarán durante as próximas semanas e nos que participarán en diferentes quendas preto dunha trintena de xefes de máquinas e primeiros oficiais, simúlanse distintos escenarios dun buque Ro-Pax.
Nunha destas simulacións represéntase a sala de máquinas, na que se analiza o efecto dos distintos anchos de paso á proximidade de obxectos que poidan resultar perigosos nun momento dado. O segundo escenario céntrase no estudo dos perigos asociados ás portas estancas. A finalidade destas probas é observar e medir as variables relacionadas co risco para a tripulación e os riscos para os pasaxeiros, contribuíndo así á súa diminución.
O proxecto Faros, cunha duración de tres anos (2012-2015) está financiado pola Comisión Europea dentro do 7º Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, e desenvólveo un consorcio de 12 membros pertencentes ao ámbito da industria, a universidade e a investigación de 7 países europeos. Ademais de España, que participa a través do CIS Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, forman parte do proxecto entidades de Finlandia, Reino Unido, Grecia, Alemaña, Estonia, e Italia. O proxecto trata de desenvolver unha proposta que incorpore os factores humanos no deseño de buques baseado en riscos. Para iso usa datos experimentais, simulacións, modelos paramétricos de buques e procesos de optimización.
O novo plan de acción do CIS Galicia sitúa a este centro como unha ferramenta fundamental tanto da Estratexia de Especialización Intelixente, (RIS3), como da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, coa que o Goberno galego busca reinventar a industria galega, poñéndoa no grupo de cabeza da inminente revolución industrial que terá no seu centro á fábrica intelixente, e impulsando o seu peso no PIB ata o 20%. Neste marco, o CIS canalizará todas as actuacións innovadoras da Axencia Galega de Innovación no eido naval, xogando un papel clave no camiño cara o naval 4.0.