Os lalinenses miden os seus coñecementos no concurso científico Big Ciencia

2015-04-18
  • A igrexa da vila pontevedresa foi esta noite o gran taboleiro de xogo dunha espectacular actividade de divulgación que combina o concepto clásico de concurso de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou na iniciativa impulsada pola Axencia Galega de Innovación
  • Tras visitar hoxe Lalín e onte Verín, a xira chega a semana que vén a Ferrol e Chantada para seguir retando os galegos e galegas a medirse contra amigos, familiares e veciños

Lalín (Pontevedra), 18 de abril de 2015.- Numerosas persoas déronse cita hoxe ante a igrexa de Lalín para poñer a proba os seus coñecementos científicos en Big Ciencia, un espectacular concurso popular que converteu a fachada do templo da vila pontevedresa nun xigantesco taboleiro de xogo.

O atractivo e innovador formato desta orixinal iniciativa de divulgación científica, que contou coa participación do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, así como do alcalde de Lalín, José Crespo, atraeu a atención de grupos de amigos e familias, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación nun dos puntos máis emblemáticos da localidade.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación, é sacar a ciencia e a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido.

Tras o éxito colleitado en 2013 en cinco grandes cidades galegas e na pasada edición especial Nadal en Santiago, Big Ciencia retomou onte en Verín unha segunda edición coa que está percorrendo Galicia coa novidade de que nesta ocasión se celebra en núcleos de poboación medianos para chegar a novos públicos, aproveitando ademais as temperaturas primaverais, que invitan máis a xogar na rúa.

Cunha mecánica moi sinxela e apta para todas as idades, o concurso de preguntas científicas botou a andar en Lalín cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla de luxo na que se converteu a igrexa lalinense.

Un xogo moi participativo

Que ano internacional se celebra en 2015?, quen inventou o termómetro?, que contén o sangue do noso organismo? O máis rápido en premer o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou aos viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Próximas paradas, Ferrol e Chantada

Tras aterrar onte en Verín e hoxe en Lalín, Big Ciencia continuará a semana que vén a súa xira por Galicia, chegando o venres 24 a Ferrol e o sábado 25 a Chantada. No primeiro caso a fachada que actuará de taboleiro de xogo será a do edificio da Fundación Caixa Galicia, na Praza da Constitución, mentres que no segundo os concursantes xogarán sobre a Casa do Concello.